O katajjaq ou canto de gorxa inuit é unha práctica cultural típica dos pobos inuit. Caracterízase por ser un canto difónico e lúdico practicado xeralmente por mulleres. É ademais un xogo executado por dúas mulleres en competición que se enfrontan cara a cara. Ten semellanzas co rekuhkara dos ainu, no Xapón.[1]
Terminoloxía
Os primeiros europeos que escoitaron ós inuit practicar o katajjaq identificaron estes sons como cantos de gorxa ou cantos guturais. Pola súa banda, os etnomusicólogos Beverley Diamond e Nicole Beaudry preferiron utilizar os termos «xogos vocais» ou «xogos de gorxa» nas súas publicacións, para así pór énfase no aspecto lúdico e non no musical.[2][3] De feito, os inuit non teñen unha palabra equivalente a «música» e é a óptica cultural occidental que xerou confusión en canto ó lugar real que ocupan os xogos de gorxa dentro da cultura inuit. En realidade, a música inuit, tal como a entendemos, baséase esencialmente nas percusións, mentres que os xogos de garganta son practicados en dúos e comportan unha noción de competición con gañadores e perdedores.
Declinacións
Aínda que os inuit son un grupo étnico en si, no norte do Canadá existen diferentes subgrupos etnolingüísticos e, polo tanto, varias formas de chamar ó canto de gorxa inuit:
Katajjaq ou Katadjak – en Nunavik e ó sur de Baffin;
Nipaquhiit – nalgunhas comunidades de Nunavut.
Historia
O katajjaq transmitiuse culturalmente das vellas xeracións ás máis novas sen deixar rexistros escritos que axuden a determinar a orixe exacta desta expresión. Porén, a comezos do século XIX, cos chegada dos europeos ás zonas de caza dos por entón nómades inuit, a práctica xa era parte da tradición nativa. A documentación do katajjaq comeza a realizarse coas descricións feitas por exploradores como William Edward Parry en 1824. En principio, o canto foi asociado a prácticas relixiosas, principalmente por misioneiros cristiáns, que vían nel unha forma de xamanismo ou de animismo.
A principios do século XX e até os anos setenta, por mor da evanxelización, sedentarización e a implantación dun sistema escolar alleo á cultura inuit foise perdendo a tradición. A partir da década dos 70 recuperouse, coa creación de Festivais, o desenvolvemento de estudos antropolóxicos e a aparición de mitos que axudaron a dar un novo auxe a esta tradición.
Intérpretes na cultura popular
Caroline Novalinga e a súa filla Shina Novalinga acadaron recoñecemento por subir vídeos en TikTok facendo canto de gorxa inuit. Publicaron un álbum xuntas en xuño de 2021.[6]
Notas
↑Goberno de Quebec. "Katajjaniq". Repertorio do Patrimonio cultural de Quebec(en francés). Consultado o 6 de febreiro de 2014.
↑Beverley Cavanagh). Canadian Folk Music Journal, ed. Some throat games of Netsilik Eskimo women(en inglés). OCLC70617061.
↑Nicole Beaudry. Le Katajjaq, un jeu inuit traditionnel(en francés).
↑Nattiez, Jean-Jacques: «The Rekkukara of the Ainu (Japan) and the Katajjaq of the Inuit (Canada) A Comparison» en Le monde de la musique, 25 (2) 1983.