Poucos datos se coñecen sobre este personaxe. Segundo as informacións de Antonio Rey Soto e Antonio Taboada Roca que recolle Xosé María Álvarez Blázquez, foi nado na montaña coruñesa, dentro da xurisdición de Santiago de Compostela. A vida de Gómez Tonel pérdese nas néboas do litoral das Mariñas. “Chore nosa montaña do gando, -leite e novidades de espida” son a única referencia autobiográfica. Mais si se coñece, a través dos seus escritos, a súa ideoloxía antierasmista e a súa profunda cultura renacente.
O día 29 de marzo de 1616 actuaba como lugartenente do alguacil maior do Reino de Galicia, ao servizo da Real Audiencia de Galicia. Outro dato máis canto a esta figura subminístrao o historiador Antonio Neira de Mosquera: "parece que Gómez Tonel tiña unha imprenta en Santiago". Porén, este é un dato que aínda non se puido comprobar.
Sexa como for, o volume preparado por Gómez Tonel para a ocasión gozou de edición, levada a termo en Compostela na imprenta de Xoán Pacheco. De todos os exemplares impresos, na actualidade só se conservan tres: un custodiado no Museo Británico (adquirido en 1892), outro na Biblioteca Nacional de Madrid (procedente do mosteiro de Alcobaça) e un terceiro (lixeiramente mutilado) na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.