Emigrou a América sendo neno. Percorreu o Brasil, o Uruguai e a Arxentina e finalmente fixou a residencia na Habana, onde se dedicou á docencia, foi redactor de La Tierra Gallega e publicou poemas en Galicia e outros periódicos galegos da illa co pseudónimo Fernán Minero. A principios do século XX retornou a Galicia e instalouse na Coruña, traballando como funcionario da Xefatura de obras públicas da provincia. En 1912 estreou na Coruña o apropósito Películas locales, escrito con José Llópiz. Fundou e dirixiu Coruña Cómica e colaborou en Vida Gallega, Galicia Pintoresca[1] e o suplemento literario "Nós. Páxinas gallegas do diario da Cruña El Noroeste". En 1918 acadou un premio en Lugo co poema "¡Galicia!". O 28 de agosto de 1919 estreou na CoruñaXan da Cruña e o 12 de marzo do ano seguinte o poema simbólico Dorinda Galicia, que despois retocou e aumentou converténdoo en drama. Publicou un relato en El Eco de Galicia de Buenos Aires, titulado "Os olláparos da corte" e dous textos en El Eco de Galicia da Habana, "A terra dos porcos" e "¡¡Reerguervos!! Fala un labrego d'a Cruña".[2]
Finou na Coruña o 28 de setembro de 1942 con 70 anos.[3]