Jessica Ellen Cornish, nada o 27 de marzo de 1988 en Basildon, Essex, Reino Unido, coñecida como Jessie J, é unha cantante e compositora británica. En febreiro de 2011 gañou o premio elección dos críticos nos Brit Awards.[1] Foi aclamada polo cantante Justin Timberlake como «a mellor cantante do mundo do momento».[2]
Traxectoria
O seu álbum debut, Who You Are, foi lanzado ao mercado o 25 de febreiro de 2011 e acadou un bo recibimento comercial.[3] Entrou nos repertorio dos máis vendidos na maioría dos países arredor do mundo, entre os que se atopan Australia, Canadá, Irlanda e Nova Zelandia.[4] Ademais vendeu máis dun millón de copias no Reino Unido.[5] Do álbum lanzáronse dous sinxelos, titulados «Do It Like a Dude» e «Price Tag», que obtiveron unha boa acollida comercial. O primeiro deles chegou ao número dous da lista UK Singles Chart, ademais recibiu un disco de ouro por parte da British Phonographic Industry, mentres que o segundo converteuse nun éxito número un en países coma Francia, Irlanda e Nova Zelandia, ademais de ser certificado en ocasións con discos de platino neses países.[6][7][8]
Foron lanzados, tamén, outros tres sinxelos do disco: «Nobody's Perfect», lanzado o 27 de maio de 2011 en iTunes,[9][10] «Who's Laughing Now», que logrou colocarse nos números dezaseis e vinte e oito das listas UK Singles Chart e Irish Singles Char,[11][12] e «Who You Are».[13][14] En medio da promoción do álbum, a cantante lanzou outro sinxelo pertencente a súa edición de luxo, chamado «Domino», que obtivo boa recepción en Australia, Nova Zelandia e os Estados Unidos de América, neste último converteuse no primeiro top 10 da cantante, mentres que no Reino Unido converteuse no seu segundo número un, detrás de «Price Tag».[11][15][16][17][18] O último sinxelo do disco, «LaserLight», acadou a quinta posición da lista UK Singles Chart, o que converteu a Jessie na primeira e ata o de agora única cantante británica en ter seis sinxelos top 10 dun mesmo álbum nesa lista[11][19]
Por outra banda, Jessie tamén ten escrito cancións para outros artistas baixo o seu nome real, Jessica Cornish. Entre elas atópanse «Party in the U.S.A» de Miley Cyrus, «Repeat» de David Guetta —onde tamén colabora como voz principal—, e «I Need This» de Chris Brown; esta última tamén foi interpretada por ela e incluída en Who You Are.[20][21][22][23] Para abril de 2012, a cantante tería vendido un total de 13,5 millóns de copias dos seus materiais discográficos.[24]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos