Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Bellay.
Jean du Bellay, nado en 1492 ou 1498 en Souday e morto o 16 de febreiro de 1560 en Roma, foi un eclesiástico e diplomático francés.
Traxectoria
Foi o terceiro fillo de Louis du Bellay e de Marguerie de la Tour-Landry e irmán de Guillaume du Bellay e de Martin du Bellay. Gozou do favor de Francisco I, quen o elevou ás máis altas dignidades, e confioulle importantes asuntos. Foi bispo de Baiona (1526-1532) e de París (1532-1541), foi tamén abade de Fontaine-Daniel desde 1552 ata a súa morte.
Foi en 1527 e de novo en 1533 embaixador diante Henrique VIII, quen ameazaba con romper con Roma de non conseguir o divorcio de Catarina de Aragón; du Bellay foi a Roma para intentar chegar a un compromiso entre o rei inglés e o papa Clemente VI, pero este finalmente excomunga ó inglés co apoio de Carlos V provocando o cisma de Inglaterra.
Embaixador diante Paulo III, quen o fixo cardeal o 21 de maio de 1535. Tralo desembarco de Carlos V na Provenza cun numeroso exército, Francisco I sae ó seu encontro, deixando ó cardeal Bellay en París co título de tenente xeneral e comandante da Picardía e de Champaña. Polos seus servizos Francisco I nomeouno en 1541 bispo de Limoges, en 1544 arcebispo de Bordeos e en 1546 bispo de Le Mans. Du Bellay protexeu e cultivou as letras e con Guillaume Budé convenceu ó rei para fundar o Collège de France. Despois de 1547 o cardeal du Bellay caeu en desgraza e foi privado do seu rango e creto polas intrigas do cardeal de Lorrena. Retirouse a Roma, co título de bispo de Ostia, construíu un gran palacio como residencia e tras a morte do papa Marcelo II logrou 8 votos no conclave que elixiu papa a Xulio III.
François Rabelais serviuno un tempo como o seu secretario e médico.[1]
Publicacións
Du Bellay escribiu tres libros de poesía latina que publicou de forma conxunta en 1546, unha apoloxía en latín do rei de Francia Francisci (primi) Francorum régis Epistola apologetica 1542, in-8°; traducido ó francés, 1545, Joannis cardinalis Bellaii, Francisci Olivarii et Africani Mallcii, Francisci I legatorum, Orationes duce, nec non pro eodem rege Defensio adversus Jacobi Omphalii maledicta, 1544, e unha nova apoloxía, desta volta en francés, Apologie de François Ier de France|François Ier, publicada en 1546.
Notas