Aínda que algunhas fontes apuntan 1604 como ano do seu nacemento, os rexistros da Igrexa de Notre-Dame de Liexa confirman que naceu o 6 de febreiro de 1607, fillo de Jean Varin e de Catherine Hovius, unha familia procedente da localidade de Reims, na Champaña.[2][3][4][5]
Non se coñecen datos acerca da súa formación nin dos seus primeiros traballos, antes de se instalar en París en 1627.[3][4] Catro anos despois casou con Jeanne Desjours, con quen tivo polo menos oito fillos, e en 1650 acadou a súa naturalización como cidadán francés.[7]
Aínda que Varin era tamén escultor, en París comezou a coller máis sona como medallista. Coñécese que en 1629 era un dos encargados da prensa de muíño na Monnaie de Paris, cargo que dirixiu en solitario a partir de 1639 e desde o cal perfeccionou esta técnica de cuñaxe e toda a ferramenta asociada, o que acabou coa cuñaxe a martelo. En 1642 xa era un dos catro gravadores do obradoiro desta ceca no Louvre e ocupouse dos cuños dos escudos e os seus divisores co busto de Lois XIII, a raíz da reforma monetaria do seu ministro de Finanzas, Claude de Bullion. Finalmente, en 1646 foi designado para o posto de gravador xeral de moedas de Francia, logo da renuncia do seu antecesor, Jean Darmand.[4][8][9]
En 1660 asumiu o posto de conselleiro, secretario do rei, intendente e ordenador dos edificios reais. O 18 de xaneiro de 1672 un decreto do Tribunal de Moedas nomeou a Varin único mestre da Monnaie de París:[10]
“
Decreto do Tribunal de Moedas polo que se lles prohibe a todos os obreiros, gravadores, moedeiros e outros, coa excepción de Jean Warin, intendente dos edificios da Súa Maxestade e condutor xeral das máquinas de todas as casas de moeda de muíño de Francia, reter ningún muíño, cortadores, laminadores nin outras máquinas similares fóra das casas de moeda, así como a venda de fichas, medallas e moedas de pracer de ouro, prata ou outros metais.
”
As sinaturas de Jean Varin nas súas obras foron diversas; entre elas, as máis frecuentes foron I.WARIN; WARIN; VARIN; W; VV; WARIN F.; I. WARIN. e IOAN.WARIN.FECIT.[9] Aínda que foi inscrito no nacemento co apelido Varin, a partir de 1630 asinou todos os seus traballos e manuscritos como Warin.[11]
↑Inscrito no nacemento como Varin, a partir de 1630 asinou todos os seus traballos e manuscritos como Warin (Vid.: Didier, J. (2004). Páxina 27).
↑Arquivos do Estado en Liexa. Rexistro dos nacementos da Igrexa de Notre-Dame Aux-Fonts en Liexa, con data 6 de febreiro de 1607. T17, microfilms YL 142 e 143, volumes 56 e 57: paroisse sainte Catherine, de parents Jean Varin et de Catherine Hovius, les témoins : Suscip : Andréa Maijbais et Anne Legally, femme à Guillaume Wijpar.