Jacob Thune Hansen Gade, coñecido como Jacob Gade, nado en Vejle o 29 de novembro de 1879 e finado no mesmo lugar o 20 de febreiro de 1963, foi un compositor e violinista dinamarqués.
Traxectoria
No principio do século XX gañaba a vida tocando o violín nos restaurantes e teatros de Copenhaguen, foi director da grande orquestra Palads Cinema desta cidade, aínda que xamais tivo unha educación musical formal.
Hoxe lémbraselle por unha soa canción, Tzigane Tango Jalousie, tamén coñecido como Tango Jalousie. Este tango, escrito para acompañar un filme mudo cando Gade era o líder da orquestra do Cinema Palads, foi un éxito internacional inmediato. Estreouse un 14 de setembro de 1925. Desde o inicio do cinema sonoro apareceu en máis de 100 películas, e ao longo do tempo, a composición foi enriquecida con letras en varios idiomas.
Algúns críticos musicais afirman que Jalousie (1925) non é un tango xenuíno, posto que foi composto para a película muda norteamericana, Don Q, the son of the Zorro, protagonizada por Douglas Fairbanks. A pesar diso, é un dos tangos máis famosos actualmente en todo o mundo. A partir daquela terminou a súa carreira como violinista e dedicouse a traballar en obras orquestrais máis ambiciosas, pero que nunca alcanzaron a mesma celebridade do seu tango. As regalías desa canción permitíronlle a Gade dedicarse a tempo completo á composición polo resto da súa vida. Os seus dereitos de autor actualmente financian unha fundación para mozos músicos.
Arthur Fiedler fixo a primeira gravación da peza coa Boston Pops, aumentando aínda máis os ingresos de Gade. Nunha entrevista dous anos antes da súa morte, Fiedler lembrou que Gade veu especialmente a Boston para agradecerlle pola gravación. Gade tamén lle presentou a partitura dunha sinfonía que Fiedler lembrou como "unha das peores pezas da música que coñecín".
Véxase tamén
Ligazóns externas