É a filla máis nova de Carmelo Martínez, un empregado de banca porteño e de María Josefa Cartas, e viviu os seus primeiros anos na Rioja, onde nacera, ata que se trasladou sendo moi nova aínda a Buenos Aires, onde cursou os estudos primarios e logo estudos de danza. Morreulle o pai cando tiña sete anos e na mocidade distanciouse da súa familia e adoptou o nome artístico de Isabel cando se incorporou a unha compañía de danza de xira por Latinoamérica. A fins de 1955, mentres traballaba como bailarina nun cabaret de Panamá (onde era coñecida polo nome artístico «Isabel Gómez»), comezou unha relación sentimental co político arxentinoJuan Domingo Perón, daquela expresidente no exilio logo de ser derrocado o seu goberno, e viúvo. Viviron xuntos desde entón, en distintos países: Panamá, Venezuela, República Dominicana e finalmente España, onde casaron en 1961.
En 1965 viaxou a Arxentina, como delegada persoal de Perón, para facer fronte ao fenómeno do neoperonismo, pero retornou a España. Durante o goberno de Héctor José Cámpora, o 20 de xuño de 1973, Perón regresou definitivamente á Arxentina. Pouco despois Cámpora renunciou ao goberno para permitir eleccións libres. O seu sucesor Raúl Lastiri convocou a eleccións de presidente e vicepresidente da Nación, celebradas o 23 de setembro de 1973. Nelas venceu a parella encabezada por Juan Perón, con Isabel Perón como candidata á vicepresidencia, co 62% dos votos. Perón faleceu apenas un ano máis tarde, o 1 de xullo de 1974, e Isabel Perón asumiu a presidencia ese mesmo día.
No goberno
O seu goberno desenvolveuse no marco internacional da chamada crise do petróleo e dunha extrema violencia política interna, con actuación de varios grupos armados.
Ignorou o achegamento que fixera Juan Domingo Perón ao líder da oposición, o 'radical' Ricardo Balbín, e Isabel Perón apoiouse principalmente no seu ministro de Benestar Social, o exsecretario persoal de Perón, José López Rega, coñecido como Daniel polos seus achegados e o Bruxo polos seus adversarios políticos. López Rega exerceu unha importante influencia sobre Martínez, fortalecendo a presenza no goberno dos sectores de dereita sobre outros grupos, e organizou desde o goberno unha forza parapolicial coñecida como Alianza Anticomunista Arxentina ou Triplo A que emprendeu accións de fustrigación a figuras destacadas da esquerda que acabarían en secuestros, torturas e asasinatos.
Desde o goberno a actitude de control foi tamén rigorosa: interveu en varias provincias disidentes, controlou as universidades, os sindicatos, as cadeas privadas de televisión, e reforzou a censura contra libros[1], xornais e revistas. O goberno exhibiu unha marcada inoperancia administrativa en distintas áreas.
A economía arxentina sufriu danos graves, cunha inflación galopante, a paralización dos investimentos de capital, a suspensión das exportacións de carne a Europa e o inicio do crecemento incontrolable da débeda externa. Unha solución de corte monetarista tentada polo ministro Alfredo Gómez Morales, un histórico do peronismo, non tivo éxito, e provocou unha forte retracción da liquidez, co que se iniciou un complicado proceso de estanflación. A suspensión das compras de carne arxentina polo Mercado Común Europeo empeorou a situación.
En xuño de 1975, o novo ministro de Economía, Celestino Rodrigo, auspiciado por López Rega, aplicou unha violenta desvalorización da moeda acompañada de aumentos de tarifas. O Rodrigazo, parte do plan de López Rega para debilitar as presións sindicais a través do desprestixio dos seus principais operadores, provocou a primeira folga xeral contra un goberno peronista. En xullo de 1975, ante a folga xeral e a presión da CGT e, en especial da Unión Obrera Metalúrgica de Lorenzo Miguel, López Rega viuse obrigado a renunciar ao seu cargo no goberno e abandonar o país.
Ante a crecente actividade dos grupos armados de esquerda (tanto os que actuaban dentro do peronismo, ou Montoneros, como outros de corte marxista, coma o Ejército Revolucionario del Pueblo) e de extrema dereita, Isabel Perón decidiu fortalecer a acción de goberno. Renovou a cúpula militar, designou a Jorge Rafael Videla á fronte do exército, pechou publicacións opositoras e mesmo recorreu ao uso da forza militar contra a poboación civil, cando asina en 1975 o decreto que dá inicio ao chamado Operativo Independencia, a intervención militar na provincia de Tucumán, o Tucumanazo, que se sinala como o inicio do terrorismo de Estado.
Ao agravarse a crise política e económica, en setembro de 1975 Martínez pediu licenza do cargo por razóns de saúde; as súas funcións foron exercidas polo presidente provisional do Senado Ítalo Lúder entre o 13 de setembro e o 16 de outubro de 1975. Nun momento de especial tensión, ameazou nun discurso pronunciado desde o balcón da Casa Rosada con converterse na muller do látigo.
O clima político non mellorou coa destitución de López Rega nin co anticipo das eleccións. En marzo de 1976 o goberno solicitou a dous dirixentes opositores, Ricardo Balbín e Óscar Allende, que se dirixisen ao electorado solicitando o respecto aos prazos institucionais, xa que un golpe militar era percibido como inevitable. O golpe de estado prodúcese o 24 de marzo de 1976, encabezado polos comandantes en xefe do exército, mariña e aviación. Os golpistas destituíron o goberno constitucional e substituíuno por unha xunta militar asemade que disolvían o Congreso. Isabel Perón foi axuizada por malversación de fondos públicos, acusada de pagar unha débeda persoal con fondos pertencentes a unha fundación, que logo devolveu. Foi confinada durante cinco anos, primeiro na residencia de El Messidor (Neuquén) e logo nun pazo en San Vicente, nos arrabaldes de Bos Aires.
Vida en España
Unha vez liberada, en xullo de 1981, exiliouse de novo a Madrid, onde abandonou totalmente a actividade política, aínda que regresou ocasionalmente á Arxentina. O plebiscito sobre a Canle de Beagle foi a súa última aparición como figura histórica do peronismo, polo seu carácter de viúva de Perón. En Madrid instalouse nunha mansión da zona de Puerta del Hierro, que tivo que vender como consecuencia de perder un preito sobre a herdanza do seu home coas irmás da primeira muller, Eva Perón. Na actualidade vive en Villanueva de la Cañada[3]. En Madrid frecuentou sectores próximos ao franquismo e persoas públicas como o adiviño Octavio Acebes, e adquiriu a nacionalidade española no ano 2000.
En 2007 a Xustiza arxentina iniciou un proceso de extradición por supostos delitos de lesa humanidade durante a súa presidencia, pero a Audiencia Nacional de España denegouna.