Un Ironman é cada unha das carreiras de tríatlon de longa distancia organizadas pola World Triathlon Corporation (WTC), consistente nun tramo a nado de 3,86 km, 180,25 km en bicicleta e unha maratón (42,195 km a pé), nesa orde. Está considerado como un dos eventos deportivos máis duros do mundo.[1][2]
A maioría das probas de Ironman teñen un tempo limitado de 16 ou 17 horas para completar a carreira. A carreira normalmente comeza ás 7:00 am e a hora de corte para o sector de natación de 3,86 km son as 9:20 horas (2 horas e 20 minutos tras o inicio), a hora de corte da bicicleta son ás 17:30 horas (8 horas e 10 minutos o sector) e o límite da maratón é a medianoite. (6 horas 30 minutos). Calquera participante que logre completar o tríatlon neses tempos é designado un Ironman ("home de ferro").
O nome "Ironman" tamén está asociado ao tríatlon de Ironman orixinal, que agora é o Campionato Mundial de Ironman. Este campionato celébrase anualmente en Hawai, desde 1978. Orixinalmente tiña lugar en Oahu, pero trasladouse a Kailua-Kona en 1981, onde continúa na actualidade. O Campionato Mundial de Ironman fíxose coñecido pola súa longa duración, as duras condicións de carreira e a súa cobertura televisiva gañadora de 17 Premios Emmy.[3]
A idea do Ironman orixinal xurdiu durante a entrega dos premios da Oahu Perimeter Relay, unha carreira que recorre o perímetro da illa de Oʻahu, en 1977.[4] Entre os participantes atopábanse os corredores do club Mid-Pacific Road Runners e os nadadores do Waikiki Swim Club, cuxos membros levaban tempo discutindo sobre cal dos dous deportes era o máis duro. Nesta ocasión, o comandante da Mariña estadounidense, John Collins, sinalou que lera nun artigo recente da revista Sports Illustrated que o ciclista belga Eddy Merckx tiña a "captación de osíxeno" máis alta rexistrada de calquera atleta medido nunca, polo que quizais os ciclistas estivesen máis en forma que corredores e nadadores. Collins e a súa esposa Judy Collins tomaran parte nos tríatlons organizados en 1974 e 1975 polo San Diego Track Club en Mission Bay, California, así como o Optimist Sports Fiesta Triathlon de 1975 en Coronado, tamén en California. Algúns dos outros deportistas militares asistentes tamén estaban familiarizados coas carreiras de San Diego, polo que entenderon o concepto cando Collins suxeriu que o debate debía resolverse a través dunha carreira que combinase as tres competicións de longa distancia existentes na illa: a Waikiki Roughwater Swim (3.86 km de natación en augas abertas), a Around-Oahu Bike Race (carreira ciclista de 185.07 km, orixinalmente celebrada en dous días) e a Maratón de Honolulu (42.195 km).[4]
Ata ese momento, ningún dos presentes fixera a carreira en bicicleta. Collins calculou que recortando 4,8 quilómetros do percorrido en bicicleta e facéndoo en sentido contrario ás agullas do reloxo, arredor da illa, o sector de bicicleta podería comezar no remate da Waikiki Rough Water e acabar na torre Aloha, lugar de inicio tradicional da Maratón de Honolulu. Antes da carreira, cada atleta recibiu tres follas de papel que indicaban algunhas regras e unha descrición do percorrido. Escrito a man na última páxina estaba esta exhortación: "Nada 2,4 millas! Percorre en bicicleta 112 millas! Corre 26,2 millas! Presume o resto da túa vida". A frase converteuse nunha marca comercial.
Cun aceno a un corredor local que era coñecido polos seus exixentes adestramentos, Collins dixo: "Quenquera que acabe primeiro, chamarémoslle o Home de Ferro." Cada un do participantes tiña o seu equipo de apoio propio para fornecerse de auga, comida e ánimo durante a proba. Dos quince homes que tomaron a saída a mañá do 18 de febreiro de 1978, doce completaron a carreira. Gordon Haller, un especialista de comunicacións da USS Navy, foi o primeiro en gañar o título Ironman por completar a carreira cun tempo de 11 horas, 46 minutos e 58 segundos. O marine John Dunbar, lideraba a proba despois da segunda transición e tiña posibilidades de gañar mais quedou sen auga na maratón e o seu equipo de apoio resolveu darlle cervexa.[4][5]
Sen máis esforzos de mercadotecnia, a carreira reuniu a 50 atletas en 1979. Tras ser aprazada un día debido ás condicións meteorolóxicas, só quince competidores tomaron a saída na mañá do domingo. Tom Warren, de San Diego gañou en 11 horas, 15 minutos e 56 segundos. Lyn Lemaire, unha ciclista de Boston, que chegou sexta converteuse na primeira Ironwoman (Muller de Ferro). Collins pensou en transformar a carreira nunha proba de relevos para incluír a máis participantes, pero o xornalista de Sports Illustrated, Barry McDermott, presente na zona para cubrir un torneo de golf, descubriu a carreira e escribiu unha reportaxe de dez páxinas sobre ela. Durante o ano seguinte, centos de participantes curiosos contactaron con Collins.[5]
Valerie Silk e WTC
Ao redor de 1979 Collins xa non quería dirixir a proba e contactou cos propietarios do centro do Nautilus Fitness Center, Hank Grundman e Valerie Silk, para cederlles o control da carreira. Grundman ofrecera anteriormente as instalacións do seu club a moitos dos competidores do Ironman. Despois do divorcio da parella, en 1981 Silk recibiu a propiedade do Ironman.[6][7] Ese ano trasladou a competición á menos urbanizada illa de Hawai e en 1982 mudouse a data de carreiras de febreiro a outubro. Como resultado deste cambio, houbo dous eventos Ironman en 1982.
En febreiro de 1982 ocorreu un fito na historia da carreira que disparou a súa popularidade. Julie Moss, unha universitaria que competía como parte dunha investigación para a súa tese de fisioloxía do exercicio, púxose en primeiro lugar. A medida que se aproximaba ao final, entroulle unha grave fatiga e deshidratación e caeu a poucos metros da liña de meta. Aínda que Kathleen McCartney a adiantou levando o título feminino, Moss arrastrouse ata a meta. A súa actuación foi transmitida por todo o mundo e creou a famosa frase do Ironman de que "só rematar é xa unha vitoria". A finais dese ano a carreira xa superou os 1.000 participantes, tendo que facer un sorteo para adxudicar 1.000 prazas e deixando fóra a outros 1.000 participantes.[7]
En 1990, coa axuda de Lew Friedland, James P. Gills mercoulle a Silk a Hawaii Triathlon Corporation, propietaria da marca Ironman, por 3 millóns de dólares. Coa marca Ironman, Gills estableceu a World Triathlon Corporation coa intención de potenciar o deporte do tríatlon e aumentar os premios para os triatletas.[8][9]
Dende mediados dos noventa realízanse varios tríatlons de distancia completa que non son organizados pola WTC. O limitado número de eventos organizados pola WTC e o escaso número de entradas dispoñibles por carreira, combináronse cun crecemento do deporte que creou demanda destes eventos sen marca. Moitos deles comparten co Ironman o formato de 3,86 km a nado, 180 de bicicleta e 42,2 a pé. Orixinalmente, moitos usaron o nome Ironman. Debido á agresiva protección de marcas, a maioría destas carreiras xa non usan a palabra "Ironman".
Hoxe
O formato do Ironman non sufriu cambios, e o Ironman hawaiano segue sendo unha proba de tríatlon con prestixio en todo o mundo.[10]
As persoas que completan este evento dentro do límite de tempo da proba son recoñecidos como "Ironman". Na comunidade de tríatlon, un Ironman é alguén que completou unha carreira coa distancia adecuada, estea ou non baixo o paraugas da WTC.
Iniciativa Smart Swim
En 2013, introduciuse a "Swim Smart Initiative" en América do Norte e trouxo consigo algúns cambios notables relacionados coa seguridade no formato Ironman. Estes cambios incluíron novas regras sobre os formatos do segmento de natación, normativas sobre temperatura da auga, quentamentos previos á natación, ondas e embarcacións de rescate (paddleboard, kayaks etc.). A Swim Smart Initiative tamén introduciu "balsas de descanso" para que os atletas poidan saír da auga a descansar sen ser descalificados.[11]
Campionato do Mundo de Ironman
Co paso do tempo a popularidade do deporte do tríatlon creceu e a carreira anual na illa de Hawai converteuse no Campionato do Mundo de Ironman. En 1983, a admisión á carreira comezou seguindo un sistema baseado en cualificacións, polo que os atletas tiñan que acceder á carreira de Hawai competindo noutra carreira de Ironman e gañando un pase, asignado de xeito proporcional. A carreira de Hawaii consiste nun segmento de natación na baía de Kailua-Kona, un treito en bicicleta polo deserto de lava ata Hāwī e volver, e unha maratón percorrendo a costa (dende Keauhou ata Keahole Point e de volta a Kailua-Kona), rematando en Aliʻi Drive. O Campionato Mundial de Ironman máis recente tivo lugar o 13 de outubro de 2018 e foi gañado polo alemán Patrick Lange en 7:52:39 e a suíza Daniela Ryf en 8:26:18.[12][13]
O actual récord do Ironman de Hawaii foi establecido en 2019 por Jan Frodeno (Alemaña), cuxo tempo gañador foi de 7 horas 51 minutos e 13 segundos. Daniela Ryf (Suíza) estableceu o récord feminino na carreira de 2018 cun tempo de 8 horas 26 minutos e 18 segundos.[12][13]
Series de Ironman
Hai máis de tres decenas de carreiras de Ironman en todo o mundo que permiten a clasificación para o Campionatos do Mundo de Ironman. Os atletas profesionais clasifícanse para o campionato mediante un sistema de clasificación por puntos, onde se gañan puntos en función da súa colocación final nos eventos de Ironman e Medio Ironman. Os 50 primeiros profesionais masculinos e as 35 mellores femininas en puntos clasifícanse para o campionato. Os atletas afeccionados clasifícanse para o campionato recibindo pases asignados aos primeiros en cruzar a meta de cada grupo dunha proba clasificatoria. As probas de clasificación do Ironman inclúen:
En 2005, a WTC instituíu a serie de carreiras Medio Ironman ou Ironman 70.3. Este percorrido máis curto, consta de 1,9 km a nado, 90 km en bicicleta e 21 km a pé. Do mesmo xeito que co Ironman, consta dunha serie de carreiras en varias localidades do mundo, culminando nunha carreira chamada Campionato do Mundo de Medio Ironman, na que participan os atletas clasificados nos eventos clasificatorios.
Marca comercial Ironman
O Wanda Group, a compañía matriz que é propietaria da WTC e polo tanto da marca Ironman, paga dereitos a Marvel polo uso da marca Ironman.[22] Como parte do acordo de licenza, tanto Marvel como Wanda aceptaron non usar as marcas comerciais "Iron Man" e "Ironman" de forma que poidan suxerir unha asociación unha coa outra ou causar confusión entre as marcas. O conselleiro delegado da World Triathlon Corporation, Andrew Messick, declarou que o acordo existiu durante décadas e que os dereitos pagados non "son importantes para o negocio". A personaxe de Iron Man apareceu por primeira vez en 1963, mentres que o primeiro tríatlon Ironman foi en 1978.
O logotipo de Ironman é unha marca comercial da World Triathlon Corporation.[23] A WTC tamén rexistrou as marcas comerciais "Ironman", "Ironman Triathlon", "M-Dot" e "70.3".[24] A WTC licenciou o nome de Ironman para usos, como o da súa liña de reloxos de pulseira Timex Ironman.