Interregno[1] (do latín: interregnum, entre reinados) é o intervalo entre dous monarcas ou entre dous papas da Igrexa Católica Romana. Os exemplos históricos refírense aos emperadores do Sacro Imperio Romano Xermánico, aos reis de Polonia (monarquía electiva) e aos cónsules da República Romana. O termo tamén pode designar o período entre dous pastorados de ministros dalgunhas igrexas protestantes ou calquera interrupción na continuidade dun goberno, organización ou orde social.
Períodos históricos do interregno
Os períodos históricos particulares coñecidos como interregno inclúen:
- O período 574 - 584 no Reino Longobardo, coñecido como Dominio dos Duques.
- O período 1022-1072 en Irlanda, entre a morte de Mael Sechnaill II e a adhesión de Tairrdelbach I, considérase ás veces como un interregno, xa que o Reino de Irlanda foi disputado nestas décadas. O interregno podería mesmo estenderse até 1121, cando Tairrdelbach II chegou ao título.
- O Grande Interregno, período 1254-1273 no Sacro Imperio Romano Xermánico entre o final do dominio Hohenstaufen e o inicio do goberno da Casa de Habsburgo.
- Escocia (Era dos Guardians)
- O período 1332 - 1340 en Dinamarca cando o país foi hipotecado a algúns condes alemáns.
- A crise de 1383-1385 no Reino de Portugal.
- O período 1402-1413 do Interregno otomán.
- O período 1410-1412 na Coroa de Aragón, desde a morte do rei Martín I de Aragón até o Compromiso de Caspe.
- O período 1481-1483 en Noruega.
- O Interregno de Inglaterra 1649–1660 foi un período republicano en Gran Bretaña, que comprende a Comunidade ( Commonwealth) e o Protectorado de Oliver Cromwell despois do rexicidio de Carlos I e antes da Restauración de Carlos II.
- Un segundo interregno de Inglaterra tivo lugar entre o 23 de decembro de 1688, cando Xacobe II foi deposto na Revolución Gloriosa, instalando a Guillerme III e María II como soberanos comúns, o 13 de febreiro de 1689.
Nalgunhas monarquías, como o Reino Unido, normalmente é evitado un interregno debido a unha regra descrita como "O Rei está morto. Viva o Rei", é dicir, o herdeiro ao trono convértese no novo monarca inmediatamente despois da morte ou abdicación do seu predecesor.[2] Esta famosa frase expresa a continuidade da monarquía. Isto non acontece noutras monarquías onde o reinado do novo monarca non comeza até a súa coroación ou algún outro acontecemento formal ou tradicional. Na República das Dúas Nacións, por exemplo, elixíanse novos reis, o que adoitaba levar a un interregno relativamente longo. Naqueles tempos, era o Primado de Polonia quen servía de interrex (entre reis).
O interregno papal (ou sede vacante )
Tamén se produce un interregno con motivo da morte ou da renuncia válida dun papa católico romano, con todo, isto coñécese xeralmente como sede vacante. O interregno remata inmediatamente coa elección do novo papa polo Colexio dos Cardeais.
Notas
Véxase tamén