O Instituto Español de Oceanografía (IEO) é un organismo autónomo dependente do Ministerio de Educación de España dedicado á investigación científica oceanográfica e ó asesoramento do goberno nas materias da súa competencia, como a xestión racional e a protección do medio mariño.
A súa publicación principal é o Boletín. Instituto Español de Oceanografía, unha revista científica de resultados que se publica, aínda que con distintas cabeceiras, desde 1916.
Funcións
Funcionalmente divídese en tres áreas, dedicadas ós recursos pesqueiros, a acuicultura e a conservación do medio mariño.
O Instituto orienta as súas investigacións preferentemente ós problemas relativos á explotación dos recursos pesqueiros e á contaminación. Como organismo gobernamental, representa a España nas negociacións internacionais, incluídas as bilaterais con países como Mauritania, Marrocos ou Canadá, países con caladoiros nos que faenan barcos españois. Tamén representa ó estado nas negociacións multilaterais, no seo das diversas comisións internacionais.
Medios
Centros
Como organismo estatal conta cunha rede de centros distribuída por todo o territorio estatal. A sede central encóntrase en Madrid. Os seus centros de investigación son:
Frota
O Instituto posúe en 2020 unha frota de cinco buques oceanográficos (ademais doutras embarcacións menores) de entre 14 e 65 m de eslora:
Todos eles están dotados dos máis modernos sistemas electrónicos de navegación e situación, así como dos medios necesarios para recoller mostras, tanto de auga como de sedimentos, de determinación de variábeis físicas e químicas da auga de mar, así como para os estudos de flora e fauna mariña. A actividade destes buques, como os do resto do MICINN, está coordinada no marco da Comisión de Coordinación e Seguimento da Actividade dos Buques Oceanográficos (COCSABO), cuxa Secretaría recae no IEO desde a creación en 2003 desta comisión interministerial.[1]
Historia
O IEO foi fundado en 1914 por Odón de Buen, partindo da integración da Estación de Bioloxía Mariña de Santander, fundada en 1886 e dependente da Universidade de Valladolid, o laboratorio de Porto Pi (Mallorca), que el mesmo creara en 1906 desde o seu posto de catedrático da Universidade de Barcelona, e a estación de Málaga. No momento da creación do Instituto sumáronse dous novos laboratorios, o de Vigo o de Tenerife.
O Instituto pasou por tempos difíciles durante a guerra civil e nas décadas seguintes, operando con recursos mínimos pero mantendo a presenza de España nos organismos internacionais. A partir dos últimos anos da década dos 70, os recursos e as atribucións aumentaron, ampliándose o número de traballadores en 1986. Ó longo da súa historia o IEO dependeu de moi diversos ministerios, estando actualmente adscrito á Secretaría de Estado de Universidades e Investigación do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte.
Reorganización
Hai uns meses[cando?] o ministro de Ciencia, Pedro Duque, informou por carta ao persoal do Instituto Español de Oceanografía, do Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria (INIA) e do Instituto Geológico y Minero de España (IGME), da preparación dun Real Decreto no que se incluiría a estes Organismos de Investigación, dentro da estrutura da Axencia Estatal Consejo Superior de Investigaciones Científicas, o que causou inquietude entre o persoal destes organismos, especialmente nos do IEO, e tamén no sector pesqueiro, que xa sospeitaban esta integración e xa manifestaran, ambos os grupos, convencidos de que esta dilución iría en detrimento do asesoramento pesqueiro que o IEO subministraba ao sectores da pesca. Duque asegurou que non, que este paso dáse «convencidos de que é a mellor opción para aumentar as capacidades da investigación española e para mellorar a xestión científica e administrativa destes tres organismos». Tras este plural que declina o ministro, agóchanse as «opinións e propostas de investigadores, técnicos, xestores e representantes sindicais dos tres OPI», e engloba tamén aos técnicos do ministerio que analizaron a situación de colapso administrativo e de xestión que afecta aos tres entes, pero máis acusado, se cabe, no caso do IEO, inmerso nunha crise que levou por diante á mesma cúpula do Instituto, agora renovada. A conclusión é que a absorción, que xa estaba avanzada na Lei da Ciencia do 2011, subministrará a estes organismos unha estrutura científica e administrativa máis áxil e flexíbel que lles permitirá realizar unha investigación de excelencia para «unha óptima prestación de servizos esenciais para a nosa economía». É precisamente esta excelencia a que preocupa aos científicos do IEO e inquieta a armadores e pescadores; sosteñen que este "modelo competitivo", que prima a publicación en revistas científicas de impacto e o currículo persoal, vai acabar debilitando, sexa a medio ou a longo prazo, o carácter sectorial e a función de asesoramento que acompaña ao Instituto desde a súa fundación, «á xente non lle vai quedar máis remedio que adaptarse á nova situación laboral e modificar o perfil profesional para buscar a excelencia», din fontes do persoal do IEO, e iso non vén dado polos días de campaña de pesca ou as reunións internacionais de asesoramento, co que terán máis dificultades para promocionar e mellorar salarialmente. Pero Duque argumenta que os OPI manterán os «seus centros, institutos e laboratorios, salvagardando a súa identidade histórica, o seu orzamento operativo e as súas capacidades de investigación e de asesoramento científico-técnico» ás institucións do Estado e aos sectores produtivos; incluso o persoal conservará o seu corpo ou escala, antigüidade, grao e retribucións que tiveran consolidadas, e cos mesmos dereitos e obrigas. É mais, desde o ministerio apuntan que o real decreto que está a preparar, a nova estrutura mantén os organismos que estaban representados no consello reitor que, tras a absorción, pasará a denominarse "comisión coordinadora de investigación". En definitiva, que os cambios redundarán nunha «investigación mellor», creando sinerxias cos centros do CSIC que traballan nos mesmos ámbitos, o que dará «maior capacidade para abordar proxectos máis ambiciosos» e captar fondos en convocatorias nacionais e internacionais.[2]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas