O inglés medio é o nome que dan os filólogos históricos ás diversas formas que adoptou a lingua inglesa falada en Inglaterra simbolicamente dende a invasión normanda de Inglaterra por Guillerme o Conquistador na 1066 até a introdución da imprenta en Inglaterra por William Caxton na década de 1470. A súa principal característica é que se trata dunha lingua difícil de definir ou delimitar, pois foi variando nunha rápida transición, na que poden apreciarse os diversos cambios que sufriu o idioma ao longo dos anos, nos cales estivo suxeito a unha forte variedade lingüística.
Ademais, durante este período, debido á invasión normanda, o francés era a lingua oficial do reino e o latín o idioma oficial da igrexa, de xeito co inglés perdeu o prestixio do que gozara anteriormente. É durante esta época cando o alfabeto latino substituíu a escritura insular característica do inglés antigo, dando lugar a novas grafías, novos fonemas e novos ditongos herdados do francés. Neste contexto, o inglés adquiriu moito léxico do dialecto normando do francés e as declinacións do inglés antigo comezaron a desaparecer, converténdose nunha lingua máis analítica.
Este período do inglés perdurou até mediados ou finais do século XV cando o estándar da chancelería, unha forma de inglés londiniense, comezou a espallarse. A este proceso contribuíron varios factores: a perda de Normandía en 1204, que pasou a mans da monarquía francesa, feito que impulsou o uso do inglés que se falaba na zona de Londres onde se atopaban as Cortes. Na rivalidade entre Inglaterra e Francia durante a Guerra dos Cen Anos volveu identificarse o inglés coma a lingua nacional, o que engadido á introdución da imprenta en Inglaterra, provocou co inglés comezase a espallarse como lingua culta.
Historia
A conquista normanda
Eduardo o Confesor, morreu sen deixar descendencia, polo que o seu cuñado, Harold da casa de Godwin, herdou o trono de Inglaterra. O seu reinado, con todo durou menos de 10 meses, pois Guillerme o Conquistador, sétimo duque de Normandía, rebelouse, sostendo que tiña maior dereito a herdar o trono, o que conseguiu trala Batalla de Hastings en 1066.
A cultura inglesa cambiou baixo a influencia normanda, como pode apreciarse na construción de igrexas e castelos. Máis importante foi a adopción do dialecto normando, que se converteu máis adiante en anglonormando, converténdose esta variante do francés no idioma oficial da corte. Os seguidores de Guillerme ocuparon os altos cargos civís e eclesiásticos, e premióuselles con propiedades expropiadas á nobreza inglesa, o que fixo que se asociase o uso do francés coa nobreza e as clases altas. Os nobres normandos, ademais, eran terratenentes tanto en Inglaterra como en Normandía, polo que tiñan intereses comerciais en ámbolos dous lados da Canle da Mancha, o que provocou co paso dos anos que a maioría deles fosen bilingües.
As convencións literarias víronse tamén modificadas, como pode verse, por exemplo na substitución da clásica aliteración anglosaxoa pola rima nas composicións poéticas. Durante un longo período de tempo Inglaterra foi un país trilingüe: o anglonormando era a lingua culta; o latín, a lingua eclesiástica, ademais de convivir co francés na administración; e o inglés, que seguía sendo a lingua maioritaria, era a lingua vulgar. Este trilingualismo, unido á previa corrente de préstamos escandinavos tivo un grande impacto no vocabulario do inglés medio, que pode apreciarse até os nosos días. Un exemplo típico destes préstamos é o vocabulario referente aos animais de granxa e a comida: pig/pork, cow/beef, sheep/mutton e outros pares como: house/mansion, worthy/honourable, bold/courageous; ou a triplicación de nomes e adxectivos; por exemplo, o adxectivo 'real' que pode expresarse de tres maneiras diferentes, cada unha derivada dunha destas tres linguas: kingly (anglosaxón)/ royal (francés)/ regal (latín).
O rexurdimento do inglés
A partir do século XIII, trala perda do ducado de Normandía, as tensións provocadas pola rivalidade inglesa e francesa durante a Guerra dos Cen Anos converteron a ambos os dous países en inimigos. O inglés pasou a ser un dos símbolos da identidade nacional, e para aquel entón aqueles que tiñan ascendencia normanda xa se vían a si mesmos como ingleses. En 1233 Henrique III, que quería emular a autocracia da monarquía francesa, substituíu a tódolos seus cortesáns por nobres traídos de Francia, que usurparon os postos dos duques anglonormandos, incrementando o sentimento nacionalista nestes e formando un terreo común entre as clases medias e a nobreza. Doutra banda, a chamada Morte ou Peste Negra fixo estragos entre a poboación campesiña do país, a carencia de man de obra levou aos campesiños a solicitar mellor retribución e a revoltas como a revolta campesiña de 1381, e a forte mortalidade que se daba nos mosteiros, habitados por un gran número de xente, provocou que os monxes cultos falecidos fosen substituídos por outros monxes recentemente ordenados, que descoñecían as linguas clásicas.
Doutra banda, o movemento lolardo, liderado por John Wycliffe, ocupouse de traducir a Biblia ao inglés, mentres no país desenvolvíase unha corrente mística na literatura, expoñentes do cal son as obras de Richard Rolle, a anónima A nube do non saber, as revelacións de Juliana de Norwich e O libro de Margery Kempe. A finais do S. XIV reviviuse o verso aliterativo, co cal rexurdiu a tradición anglosaxoa anterior en obras como Pedro o Labrador de William Langland, o poema aliterativo "Morte Arthure" ou Sir Gawain e o cabaleiro verde. O inglés substituíu tamén ao francés nos documentos de carácter público e converteuse na lingua oficial da corte nada máis se iniciou o reinado de Henrique IV. En 1362 empregouse por primeira vez o inglés para convocar ao parlamento.
Aspectos formais
Ortografía do inglés medio
Consoantes:
A runa Thorn <þ> continuou empreñándose ata o século XVII en abreviaturas: þt (that) þe (the), mentres <ð> caeu en desuso cara ao século XIII. Ambas as dúas letras foron substituídas paulatinamente por «th».
A runa Wynn «ƿ», que representa o son AFI [w] escríbese como «ou, uu, vv». Máis adiante empregaríase «w».
« cƿ» pasa a «qu».
A G insular () adopta a forma carolinxia de transcribir a fonema [g]: «G, g» e unha adaptación da primeira coñecida como Yogh «Ȝ» para a fonema [j]. O son [[ɣ]] desapareceu en inglés medio transformándose en [w] cando ía precedido de [l] ou [r].
c pasou a «i» en posición inicial e «gg» en medial e final, esta última pasando a ser «dg». «g, ge» empregáronse para préstamos do francés.
«h» servía para representar tanto [h] como [x] e [ç]. estas dúas últimas podían aparecer tamén como «Ȝ» e «Ȝh».
O son [ʧ], que en inglés antigo era un alófono de [k], continuou representándose como «c» e a partir do século XIII, como «ch», «chch», «cch» e «tch».
[s] pode representarse como «c» ante e ou i e como «s».
A [f] e a [v], alófonos no inglés antigo, convértense en fonemas distintos representados por «f» e «v»/«ou».
En todos os casos empréganse as consoantes xeminadas para indicar que a vogal precedente é curta.
Monotongación dos ditongos [ɛə] a [ɛ], [e:ə] a [e:], [æə] a [æ] ([a]) e [æ:ə] a [æ:] ([ɛ:]).
Nas sílabas átonas as vogais transládanse cara ao centro e pasan a [ə].
Ditongos
Ditongos en ɪ
Ditongos en ʊ
[æɪ]
[aʊ]
[ɔɪ]
[ɔʊ]
[ʊɪ]
[ɪʊ]
[ɛʊ]
Ao monoptongarse os ditongos herdados creáronse outros novos:
[ɔɪ], [ʊɪ] <oi,oy> tomáronse emprestados do francés.
Outros ditongos formáronse a través da vogalización do fonema [j, que precedido dunha vogal anterior converteu en [ɪ] e do fonema [ɣ], que precedido por vogal posterior pasou a [ʊ].
Os ditongos [aɪ] e [eɪ] fusionáronse en [æɪ]
Estándar da chancelería
O estándar da chancelería (the Chancery Standard (CS)) foi unha forma escrita do inglés empregada pola burocracia do goberno e para outros propósitos especiais dende finais do século XIV. Crese que contribuíu dun xeito significativo ao desenvolvemento do inglés moderno.
Por mor dos diferentes dialectos do inglés falado e escrito ao longo do país naquela época, o goberno necesitaba unha forma clara e sen ambigüidades para o uso nos seus documentos oficiais. Este desenvolveuse durante o reinado do rei Henrique V (1413 a 1422) en resposta á súa orde para a súa chancelería (oficiais do goberno) de usar, como el mesmo, o inglés máis có anglonormando ou o latín. Volveuse amplamente estandarizado ao redor da década de 1430.
A mediados do século XV, CS usouse para a maioría de propósitos oficiais, agás na Igrexa (que usaba o latín) e algúns asuntos legais (que usaban o francés e algo de latín). Espallouse ao redor de Inglaterra polos burócratas nos negocios oficiais, e paseniñamente fou gañando prestixio.