Cos ataques islámicos de 1531 ameazando a Etiopía, o emperador buscou a axuda dos portugueses para derrotar ao Sultanato de Adel na Guerra Adel-Etíope. Xunto cos portugueses, chegaron misioneiros xesuítas, que centraron as súas actividades misioneiras na clase dirixente co propósito de buscar a unión da Igrexa ortodoxa etíope coa Igrexa católica. O emperador Sissinios converteuse principalmente pola predicación do xesuíta Pedro Páez. En 1622, Sissinios fixo do catolicismo a relixión do estado. Ao ano seguinte, o papa Gregorio XV designou a Afonso Mendes, un xesuíta portugués, como patriarca da Igrexa etíope. Mendes tentou latinizar a Igrexa etíope e foi apoiado por Sissinios, mais o efecto desexado foi o contrario e, logo da morte de Sissinios en 1632, o seu sucesor Fasílides expulsou en 1636 a Mendes do país, rematou a unión con Roma e expulsou ou matou os misioneiros que quedaban, permanecendo o país pechado aos misioneiros católicos por 200 anos.[1]
En 1889 o Emperador Menelik II chegou ao trono e permitiu o acceso ao país aos misioneiros católicos. Coa conquista de Etiopía por Italia na Segunda Guerra Italo-Abisinia as actividades misioneiras aumentaron no país, do mesmo xeito que en Eritrea, baixo control italiano dende 1889.[1]
Os fieis da Igrexa católica etíope son unha pequena parte dos cristiáns etíopes, pertencendo a maioría deles á Igrexa ortodoxa etíope. Tamén hai certo número de fieis emigrados aos países do Medio Oriente,[8] e existen minorías en Somalia e Xerusalén. En total, os fieis católicos etíopes (sen contar aos de rito latino) son arredor de 150.000. A continuación amósanse os números do metropolitanato de Adís Abeba en 2016:
O celibato non é, como na Igrexa latina, obrigatorio, e en teoría pódense ordenar varóns casados. Porén, a Igrexa católica etíope (xunto cos católicos coptos e siríacos) ten adoptado o celibato como norma, mais permitindo certas dispensas do metropolitano.
Esta Igrexa só admite ao diaconado a varóns adultos, a diferenza da Igrexa etíope tewahedo que ordena como diáconos a rapaces.