Iago Bouzón Amoedo, nado en Redondela o 16 de xuño de 1983, é un futbolista galego. Xoga de defensa central e o seu equipo actual é o Córdoba.
Traxectoria
Formouse na canteira do Celta de Vigo, xogando no filial as tempadas 2001-02, 2002-03 e 2003-04, cando ascendeu ao primeiro equipo. Co Celta xogou en Primeira División dous encontros nesa mesma tempada: o debut no estadio de Montjuïc e á xornada seguinte en Balaídos contra o Deportivo Alavés. Na seguinte tempada, xa co equipo en Segunda División, disputou sete encontros.
Na tempada 2005-06 xogou cedido no Recreativo de Huelva, onde participou en 24 encontros,en 20 deles como titular. O club onubense demostrou o seu interese por renovar ao xogador e o 19 de agosto de 2006 o Celta e o Recreativo asinaron un acordo de traspaso por catro anos, gardando o Celta a posibilidade de recompra ao segundo.
Permaneceu en Huelva até 2010, cando fichou polo Omonia Nicosia de Chipre.
Palmarés
Participou no campionato de Europa de seleccións sub-15 en Israel. Máis tarde obtivo coa selección española a Copa Meridian de seleccións sub-17, disputada en Bari do 27 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2001, e que enfrontou seleccións europeas e africanas. Foi subcampión do mundo sub-20 coa selección española, no mundial organizado en Arabia Saudita. Tamén foi internacional sub-21 con España.
O 29 de decembro de 2005 Iago Bouzón disputou o partido Galiza-Uruguai que supuxo a recuperación da selección galega de fútbol.
Véxase tamén
Ligazóns externas