O Instituto de Ensino Secundario Perdouro é un centro educativo público situado en Burela que imparte ensino de educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, e Formación Profesional Básica de Fabricación e Montaxe[2] e de Administración e Servizos.[1] Para o curso 2022-23, ofertan o Ciclo Superior de Mecatrónica industrial.[3] Ademais, desenvolve o programa CUALE para a formación complementaria en linguas estranxeiras, co que obter o nivel B1 de portugués.[4][5]
A mediados dos anos 70, os estudantes de Burela que remataban a súa Educación Xeral Básica, tiñan que moverse a outras localidades se querían continuar a súa formación; ben sexa a relativa pouca distancia (Ribadeo, Mondoñedo ou Viveiro) ou ben máis lonxe, como Lugo ou A Coruña. En 1973, o Ministerio de Educación e Ciencia deu os primeiros pasos, solicitando ao entón concello de Cervo a cesión de terreos para construír en Burela un Centro de Bacharelato Unificado e Polivalente. Houbo varias ofertas da veciñanza para vender leiras destinadas á construción deste Centro, e dunha Escola de Formación Profesional. O 12 de marzo de 1975, o Pleno do Concello aprobou a adquisición dunhas leiras na zona de Os Matos, ás aforas do pobo.[6] En 1978, publicouse o Real Decreto 2045/1978, de 29 de xuño, que poñía en marcha este Centro Nacional de Formación Profesional.[7]
A inauguración foi o 7 de outubro de 1978, que sería recollida polo diario El Progreso ao día seguinte:
Ás cinco da tarde de onte, foron inaugurados o Instituto Nacional de Bacharelato Mixto de Burela, e o Centro de Formación Profesional de Primeiro e Segundo Grao.
Nos anos 80, foi concedida ao centro a Rama de Peiteado e Estética. Tamén foi creado a comezos do curso 1986-1987, o Consello Escolar, con representantes da comunidade docente e non docente, alumnado, proxenitores e o Concello; nel, informouse do acordo dos directores dos centros de FP de Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo, para a creación da revista gratuíta bimensual Formación Profesional da Mariña, cuxo primeiro número foi realizado integramente no por entón chamado Instituto de Formación Profesional de Burela. A partir do curso 1987-1988, o centro contaba tamén cunha emisora de radio.
A comezos dos anos 90, entraba en vigor a nova lei educativa: a LOXSE.[8] Con ela, o centro comezaría a ofertar a ESO, Bacharelato e os Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior. No curso 1996-1997, o Consello Escolar propón o actual nome: IES Perdouro. Dous cursos despois, incorpórase o Primeiro Ciclo (1º e 2º) da ESO, para o que o centro empregou temporalmente parte das instalacións do Colexio Público Vista Alegre.[6]
En 2016, fixéronse obras de ampliación no centro para implantar a FP Básica.[9]
Proxectos
O centro realizou varias edicións de Encontros de Banda Deseñada,[10][11] nos que se organizaron concursos.[12]
Entre as actividades solidarias levadas a cabo polo centro, destacan as seguintes:
Na Casa de Papel: doazóns ao Banco de Alimentos, a Cruz Vermella, Cáritas e o Concello de Burela.[13] Gañou o Premio á Solidariedade e aos Dereitos Humanos da Rede Española Aprendizaxe-Servizo.[14][15]
A biblioteca do centro é unha das colaboradoras na Microrrede A Mariña,[17][18] un proxecto colaborativo das bibliotecas escolares da Mariña que realizan diversos proxectos comúns, como algunhas exposicións.[19]
En decembro de 1993, púxose en marcha a Asociación Cultural Os Matos para dinamizar as actividades extraescolares do centro; o seu presidente foi o profesor Antón Niñe ata a súa xubilación en 2017. Ademais de diversas actividades culturais, puxeron en marcha a partir de 1995 o Cine-Club Os Matos, a revista Maruxía[21][22][23] (editada pola comunidade educativa) e a edición en 1998 do libro IES Perdouro, 20 anos de vida.[6] Tamén destaca o Encontro Multilateral Europeo, que reuniu en Burela alumnado de Alemaña, Bélxica, Italia e España.[24]
A localidade de Burela ten unha gran diversidade en canto á orixe dos seus habitantes, pero das súas 42 nacionalidades[26] destaca (tras a galega, obviamente), a poboación procedente da República de Cabo Verde.
Dende 2008 inicia no centro o Modelo Burela,[27][28][29] primeiro proxecto de planificación lingüística aprobado por unanimidade nunha vila galega e orientado á comunidade procedente de Cabo Verde, impulsado por profesores como Bernardo Penabade ou Karina Parga. Desde 2012 coordina en Radio Burela[30] o programa radiofónico Proxecto Neo,[31][32][33][34][35] centrado nas experiencias de persoas neofalantes do idioma galego. O programa reemítese posteriormente en dúas radios comunitarias: Cuac FM e Rádio Filispim.
A experiencia do centro en radio permitiu que gañasen premios relacionados con este medio de comunicación, como o concurso Educación sen fronteiras,[36] ou a fase autonómica do certame radiofónico O galego na onda.[37]
En 2011, gravouse unha longametraxe-documental no centro sobre o Modelo Burela, dirixido por Matías Nicieza, con guión do profesor Bernardo Penabade.[38][39] En 2022, o primeiro capítulo do documental Aquí medra a lingua o realizado polo Consello da Cultura Galega, está adicado ao Modelo Burela.[40][41]
O 14 de marzo de 2023, celebrouse na Biblioteca do IES Perdouro o I Día da Literatura Caboverdiana, coa lectura continuada do libro Chiquinho de Baltasar Lopes da Silva, escrita en crioulo caboverdiano. Na lectura participou boa parte do persoal do centro (docente e non docente, alumnado e familias), ademais de personalidades da cultura local, e da política como o Alcalde de Burela Alfredo Llano; ou o Diputado Nacional para a Diáspora de Cabo Verde, Francisco Pereira.[42][43][44]
O modelo recibiu varios premios:
2015. Un dos seus traballos, Neofalantes iniciais: da alfabetización á fluidez comunicativa recibiu o premio de innovación educativa do Goberno galego.[45]
2016. A Fundación Donostia recoñeceu ao Modelo Burela como unha das oito iniciativas galegas inspiradoras para outras comunidades lingüísticas.[46][47]
↑Delgado, Marina (9 de febreiro de 2012). "A Rula reabre con fuerza" [A Rula reabre con forza]. El Progreso(en castelán). Consultado o 22 de maio de 2022. Os alumnos de 2º de Mecanizado do IES Perdouro de Burela elaboraron unha copia do Guernica mediante o gravado en control numérico.
↑Delgado, Marina (10 de marzo de 2014). "Bases do concurso do sexto encontro". Blogue "Encontros de Banda Deseñada da Mariña" (Burela). Consultado o 23 de maio de 2022.
↑Cancelo: Gurriarán. CRTVG (Burela: Kaito Estudios). 17 de maio de 2022. Consultado o 23 de maio de 2022.
↑"Revista Maruxía". Web do IES Perdouro. Burela. 28 de xaneiro de 2009. Consultado o 22 de maio de 2022.
↑Montes, Susana L. (17 de xuño de 2011). "Letras desde los pupitres" [Letras desde os pupitres]. El Progreso(en castelán) (Burela). Consultado o 23 de maio de 2022. O IES Perdouro presentou onte o número 17 da súa revista Maruxía, na que se fai un repaso das actividades do curso.
↑Bouza, Lupe F. (28 de marzo de 2014). "En busca de la motivación" [En busca da motivación]. El Progreso(en castelán). Consultado o 23 de maio de 2022. O IES Perdouro de Burela resultou gañador este ano do Concurso-Exposición Letras Galegas 2014, convocado pola Consellería de Educación, na categoría de educación secundaria e bacharelato, formación profesional o ensinos especiais.