Himeneo (en grego antigo Ὑμέναιος), tamén chamado Himen, é un deus da mitoloxía grega, encargado das cerimonias de matrimonio, inspirador das festas e as cancións. Himeneo é tamén un xénero de poesía lírica grega cantada durante a procesión da noiva á casa do noivo, na que se apelaba ao deus, en contraste co epitalamio, que se cantaba no limiar nupcial.
Himeneo asistía aos connubios, e cando non o facía o matrimonio resultaría desastroso, polo que os gregos corrían vivamente gritando o seu nome. Presidiu moitas das vodas dos mitos gregos, incluídas as de todas as deidades e os seus descendentes.
Himeneo era celebrado na antiga canción matrimonial de orixe descoñecida Hymen o Hymenae, Hymen recollida por Caio Valerio Catulo[1] Os termos «himno» e «himen» proceden desta celebración.[2]
Orixes
Himeneo era o fillo de Baco/Dioniso e de Venus/Afrodita. Noutras tradicións era fillo de Apolo e unha das Musas. Outras historias danlle unha orixe lendaria. Nun dos fragmentos conservados do Catálogo de mulleres atribuído a Hesíodo dise que Magnes «tivo un fillo de extraordinaria beleza, Himeneo. E cando Apolo viu o rapaz namorou del e non abandonou a casa de Magnes»[3]. Porén, segundo a Suda, o eraste de Himeneo foi Tamiris.
A paz de Aristófanes termina con Trixeo e o Coro cantando a canción nupcial, co retrouso «¡Oh Himen! ¡Oh Himeneo!»[4] típico para unha canción deste tipo.[2]
Representación
Polo menos desde o renacemento italiano, Himeneo adoita ser representado na arte como un home novo levando unha grilanda de flores e sostendo un facho acendido nunha man.
Fontes
Himeneo aparece mencionado na Ilíada de Homero, na descrición da forxa do escudo de Aquiles:
Alí representou tamén dúas cidades de homes dotados de palabra. Nunha celebrábanse vodas e festíns: as noivas saían dos seus cuartos e eran acompañadas pola cidade á luz de fachos acendidos, oíanse repetidos cantos de himeneo, mozos danzantes formaban círculos, dentro dos cales soaban frautas e cítaras, e as matronas admiraban o espectáculo desde os vestíbulos das casas.