A Güiana Esequiba, tamén coñecida como Territorio do Esequibo, é o nome dunha parte do escudo Güianés comprendida entre o oeste do río Esequibo até o cumio do monte Roraima.
A súa poboación, en 2010, era de 283.000 habitantes.[2][3]
Soamente a parte oriental da illa fluvial de Anacoco, no río Cuiuní se encontra baixo a soberanía de Venezuela, pero é protestada por Güiana. Para Venezuela a totalidade da illa está fóra da área en litixio,[4]
Güiana non o entende así para a metade oriental e, en consecuencia, sostén que foi por un acto de anexión do exército venezolano cando en 1966 a ocupou militarmente.[5]
Venezuela reclama o territorio como propio e, nos seus mapas oficiais, a zona adoita aparecer raiada oblicuamente ou coa lenda Zona en Reclamación, Suxeita ao Acordo de Xenebra de 17 de febreiro de 1966.[6]
O territorio é reclamado como parte integrante da xurisdición dos estados Bolívar,[7] e Delta Amacuro.[8]
A disputa entre a Gran Bretaña e Venezuela
En 1835, baixo os auspicios da Royal Geographical Society, o explorador e naturalista de orixe alemáRobert Hermann Schomburgk realizou unha exploración botánica e xeográfica da Güiana Británica. Dela resultou un esquema do territorio no que unha liña delimitaba o que el cría que era o límite occidental reclamado polos holandeses. Como resultado disto, foi comisionado en 1840 polo goberno británico para estudar os límites da Güiana. Este exame deu lugar ao que se coñece como a "liña Schomburgk".[9][10]
O bosquexo inicial de Schomburgk, que fora publicado en 1840, foi a única versión da "liña Schomburgk" até 1886, cando Grover Cleveland, presidente dos Estados Unidos, afirmou que a liña fora trazada "dunha maneira misteriosa".[9] A liña foi moito máis alá da zona de ocupación británica e ll deu á Güiana Británica o control da desembocadura do río Orinoco.[11]
Segundo Schomburgk, o bosquexo non contiña toda a zona que Gran Bretaña podería reclamar lexitimamente. Venezuela protestou de que Schomburgk colocara os marcos da fronteira no río Orinoco e, en 1844, reclamou o territorio da Güiana situado ao oeste do río Esequibo. Tamén en 1844, foi ignorada unha proposta británica a Venezuela para modificar a fronteira para dar o control total de Venezuela da desembocadura do río Orinoco e o territorio adxacente. En 1850 Gran Bretaña e Venezuela alcanzaron un acordo polo que aceptaron non colonizar o territorio en disputa, aínda que os venezolanos non se estableceron neste territorio.[9]
A disputa non volveu a mencionarse até 1876, cando se estableceron na zona persoas de fala inglesa nas minas de ouro na conca do río Cuiuní, que era territorio venezolano máis alá da liña Schomburgk, pero que estaba dentro da zona que, segundo Schomburgk, a Gran Bretaña podería reclamar. En 1876, Venezuela reiterou a súa reclamación até o río Esequibo, ao que os británicos responderon cunha contrademanda incluíndo toda a conca do Cuiuní, aínda que isto foi unha reclamación no papel, que os británicos nunca perseguiron.[9]
O 21 de febreiro de 1881, Venezuela propuxo unha liña de fronteira que partía dun punto unha milla ao norte do río Moruca, seguindo desde alí cara ao oeste e o sur o meridiano 60 º oeste, o que concedería a Venezuela o distrito Barima.[Cómpre referencia]
En outubro de 1886 a Gran Bretaña declarou a liña de Schomburgk como fronteira provisional da Güiana Británica, e en febreiro de 1887 Venezuela rompeu as relacións diplomáticas co Reino Unido. En 1894 Venezuela pediulle aos Estados Unidos que interviñesen, alegando a doutrina Monroe como xustificación. Pero os Estados Unidos non quixeron involucrarse, e só suxeriron a posibilidade dunha arbitraxe.[9]
Organización territorial
En Güiana
Güiana, oficialmente Co-operative Republic of Guyana, estableceu a inclusión do Territorio Esequibo dentro dos seus límites na Constitución de 1980, reformada en 1996, que di que:
O territorio do Estado abarca as áreas que inmediatamente despois do comezo desta Constitución foron comprometidas na área de Güiana xunto con outras áreas que puideran ser declaradas como parte do territorio do Estado por Lei do Parlamento.[12]
Estas áreas son as que conformaban a colonia da Güiana Británica, antes da súa independencia, para a cal a Gran Bretaña recoñeceu como límite occidente o río Esequibo, cartografado politicamente ao seu favor en 1938.
* Os datos da 5ª rexión inclúen a parte non Esequiba, que non é reclamada por Venezuela.
En Venezuela
Segundo a lexislación venezolana a Güiana Esequiba é parte integrante da xurisdición dos estados Bolívar[7] e Delta Amacuro[8] cuxo límite común vai pola cúspide da Serranía de Imataca.
O estado Bolívar, na súa constitución, establece o seguinte:
Artigo 15º O territorio e demais espazos xeográficos do Estado Bolívar son os que historicamente correspondían á Provincia de Güiana da Capitanía Xeneral de Venezuela, antes da transformación política iniciada o 19 de abril de 1810, logo delimitada conforme á Lei Político Territorial da República de 28 de abril de 1856, coas modificacións que resultaron das leis da República, dos convenios e demais actos xurídicos validamente celebrados conforme á Constitución de Venezuela de 1999, ás leis nacionais e do Estado.En todos os actos do Estado, en que se describa ou se refira ao seu territorio, entenderase incorporada, aínda cando non o estivera expresamente, a reserva de que o Laudo Arbitral de París de 1899, é írrito e nulo, segundo os principios do dereito e a xustiza que rexen a comunidade internacional e contribúen a afirmar a integridade territorial. O Estado Bolívar colaborará e apoiará á República Bolivariana de Venezuela no logro dunha solución satisfactoria para o arranxo práctico da controversia territorial, con base no Acordo de Xenebra de 17 de febreiro de 1966.
Pola súa parte, o territorio orixinal do que hoxe en día é o estado Delta Amacuro abarca desde o delta do Orinoco até o río Esequibo. O sitio web da gobernación deste estado sinala o seguinte sobre a súa territorialidade:
Cando se creou o Territorio Federal Delta Amacuro, tiña unha superficie de 63.667 km², tendo na actualidade 40.200 km². A diferenza entre estas dúas superficies perdeuna o Delta Amacuro con motivo do Laudo Arbitral de París asinado o 3 de outubro de 1899, por medio do cal lle foron arrebatados 23.467 km² do seu territorio pola Güiana Inglesa.
Historicamente en Venezuela foi directamente o poder central (goberno e demais organismos do Estado venezolano) o encargado do tratamento do caso da Güiana Esequiba deixando ás gobernacións e alcaldías locais moi pouca participación e poder de acción. Dáselle un tratamento especial e diferenciado ao das xurisdicións destes dous estados nacionais, os cales non adoitan incluír nos seus mapas a súa porción territorial dentro da Güiana Esequiba, aínda que nos mapas nacionais do país si é obrigatoria a inclusión da zona en reclamación. Quizais sexa esta realidade o que a algúns levou a pensar de forma errónea que a Güiana Esequiba é un novo estado ou territorio federal venezolano.[13]
No ano 1999 ao decretarse a nova carta magna de Venezuela conságrase como territorio venezolano, no artigo 10 da Constitución da República Bolivariana de Venezuela:[14]
O territorio e demais espazos xeográficos da República son os que correspondían á Capitanía Xeneral de Venezuela antes da transformación política iniciada o 19 de abril de 1810, coas modificacións resultantes dos tratados e laudos arbitrais non viciados de nulidade.
Mapa dos Estados Unidos de Venezuela, por L. Robelin (1890). A Güiana Venezolana aparece neste mapa repartida entre a parte sur (baixo o Orinoco) do territorio Delta, o territorio Iuruarí e o estado Bolívar.
Mapa de 1896 da parte oriental de Venezuela e a Güiana británica, que mostra as distintas liñas divisorias propostas no litixio entrámbalas partes.
Mapa político actual d Venezuela, mostrando ás súas augas territoriais (en azul) e a Güiana Esequeba (en gris).
↑ 9,09,19,29,39,4Robert Arthur Humphreys (1967): "Anglo-American Rivalries and the Venezuela Crisis of 1895", Presidential Address to the Royal Historical Society 10 December 1966, Transactions of the Royal Historical Society, 17: 131-164.
↑O texto constitucional en idioma inglés, oficial de Güiana, di textualmente: "The territory of the State comprises the areas that immediately before the commencement of this Constitution were comprised in the area of Guyana together with such other areas as may be declared by Act of Parliament to form part of the territory of the State".