Gregorio Javier Monreal Zia, nado en Etayo, 1942 é un político e xurista vasco de ideoloxía nacionalista vasca.
Biografía
Actividade académica e profesional
Licenciado en Dereito e Diplomado en Economía pola Universidade de Deusto (1966) e Doutor en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid (1973), é catedrático de Historia do Dereito na Universidade do País Vasco (1978-1995) e, dende 1995, catedrático de Historia do Dereito na Universidade Pública de Navarra. Foi profesor convidado na Universidade de California en Berkeley e na Universidade París XII, actualmente Université Paris-Est Créteil Val-de-Marne.
É membro de Jakiunde (Academia das Ciencias, das Artes e das Letras) e membro de número da Real Sociedade Bascongada de Amigos do País, da Société d'Histoire du Droit e da Association Française des Historiens des Idées Politiques. É tamén membro do consello de redacción do Anuario de Historia do Dereito Español e dirixe na actualidade (2013) a revista de Historia do Dereito Iura Vasconiae.
Tamén foi vicerreitor do campus de Biscaia da Universidade do País Vasco (1979-80), reitor da Universidade do País Vasco entre 1981 e 1985, presidente da Sociedade de Estudos Vascos entre 1991 e 1996, director da Revista Internacional de Estudos Vascos (RIEV) entre 1997 e 2005 e director científico da Fundación para o estudo do Dereito histórico e autonómico de Vasconia[1] entre 2003 e 2010. Foi o primeiro nomeado para ocupar a cátedra William Douglass da Universidade de Reno (Nevada) en 2005-2006.
Actividade política
En 1976 foi un dos fundadores do partido nacionalista vasco de esquerdas Euskal Sozialistak Elkartzeko Indarra (ESEI) (Forza para a Unidade dos Socialistas Vascos). ESEI integrouse na Fronte Autonómica ás eleccións xerais de 1977. Monreal, candidato da coalición ao Senado por Guipúscoa, obtivo acta de senador. Como parlamentario dunha das circunscricións vascas participou nos relatorios que redactaron o Estatuto de Guernica en 1979. Foi viceconselleiro de Universidades e Investigación do Goberno Vasco en 1991.[2]
Notas