O Gran Premio de Alemaña de 1961 foi unha carreira de automobilismo de Fórmula Un, celebrada o 6 de agosto de 1961 no circuíto de Nürburgring Nordschleife. Foi a sexta carreira da tempada de Fórmula Un de 1961 e a carreira número 100 desde que se estableceu o Campionato do Mundo en 1950.
A carreira foi gañada polo piloto británico Stirling Moss pilotando un Lotus 18/21 para o equipo privado Rob Walker Racing Team. Moss comezou desde a segunda fila da grella e liderou todas as voltas da carreira. Foi a primeira vitoria nun Gran Premio de Alemaña dun coche con motor traseiro desde que o Auto Union Tipo C de Bernd Rosemeyer lograra a vitoria en 1936. Moss terminou a pouco máis de 20 segundos por diante dos Ferrari 156 pilotados por Wolfgang von Trips e Phil Hill, rompendo unha serie de catro carreiras consecutivas de vitorias de Ferrari. O resultado levou a Moss ao terceiro lugar no campionato, converténdose no único piloto fora do trío de pilotos de Ferrari, Von Trips, Hill e Richie Ginther, que seguian en carreira con posibilidades de converterse no campión do mundo de 1961 a falta das dúas carreiras restantes.
Foi a última aparición no seu país de orixe do líder von Trips antes da súa morte no Gran Premio de Italia cinco semanas máis tarde. O seu segundo posto asegurou a Ferrari o campionato de construtores.
Remataron 17 pilotos dos 26 que comezaron a carreira clasificados aínda que Bernard Collomb co seu (Cooper T53) non clasificou ó non completar o 75% da distancia da carreira.
Notas: Só están incluídos os cinco primeiros postos en ambos os grupos de clasificación. Só os 5 mellores resultados contan para o Campionato. Os números sen paréntese son os puntos do campionato, os números entre paréntese son o total de puntos anotados.