O espazo tempo no que o espectador se introduce e participa ante a obra de Anselmo non é a metáfora da sensibilidade senón a existencia real desta sensibilidade e da súa produción. A obra de Giovanni a fin de explicar as mutacións da existencia e da historia fundaméntase nesa noción da realidade na que se sitúa o home e a súa inestabilidade no medio, nas mutacións, nas perturbacións dos materiais, da enerxía e das forzas contrarias como a gravidade. De modo que rompe co concepto de representación formal a través das mutacións temporais, que son metáfora do tempo imaxinado, pasado, presente e futuro. As obras de Anselmo xorden sempre dunha relación consigo mesmo, das súas experiencias persoais e individuais, suxerindo o modo no que el se sitúa na terra. Este artista utiliza os materiais de acordo coas súas características específicas. Así utilizou o ferro como metáfora temporal porque se oxida e desaparece, e tamén do azucre, a graxa, o pan, a auga ou a leituga. Mentres que a pedra, aparece polo seu peso, por ter a mesma orixe que o home, pola súa evolución, suxerindo así unha tensión tempo-espazo. En Senza titolo de 1968 composta por leituga, granito, serraduras e cobre; a leituga cando se deshidrata co paso do tempo diminúe o volume e co paso do tempo tenda a caer nas serraduras.