A Game Boy (en xaponés: ゲームボーイ, Gēmu Bōi) é unha videoconsola portátil de videoxogos desenvolvida e manufacturada por Nintendo, que posúe un procesador de 8 bits. Foi lanzada por primeira vez ao mercado no Xapón o 21 de abril de 1989, chegando posteriormente a outros mercados. Esta é a primeira videoconsola portátil dentro da liña que leva ese mesmo nome (Liña Game Boy). Foi creada por Gunpei Yokoi e o equipo de desenvolvemento Research and Development 1 da Nintendo.
A Game Boy foi o segundo sistema portátil da Nintendo despois das series da Game & Watch iniciada en 1980 e collía elementos tanto da propia Game & Watch coma da NES.[1] Tamén foi a primeira videoconsola portátil que incluía o xogo do Tetris.
A pesar de que durante o período no que foi comercializada foron introducidas no mercado novas videoconsolas portátiles máis avanzadas tecnoloxicamente, a Game Boy continuou a ter un enorme éxito. As vendas combinadas da Game Boy e da Game Boy Color acadaron no mundo a cifra de 118'69 millóns de unidades vendidas.
Durante a súa vida útil lanzáronse varios redeseños, como a Game Boy Pocket en 1996 e a Game Boy Light en 1998 (esta última só no Xapón). A produción da Game Boy continuou até 2003,[2] moito despois do lanzamento da súa segunda sucesora, a Game Boy Advance, en 2001.
Características
Os controis principais para xogar na Game Boy están situados na metade baixa da súa parte frontal. Conta con catro botóns denominados
"A", "B", "SELECT" e "START", así como cun botón direccional. As funcións de cada un destes botóns varía dun xogo a outro.[3] No seu lateral dereito dispón dun control dial para o volume e outro no lateral esquerdo para axustar o contraste da pantalla.[3] Na parte superior disponse o botón de apagado-acendido así como a rañura na que se introducen os cartuchos cos videoxogos.
A Game Boy tamén tiña as seguintes conexións de entrada e saída opcionais. No lateral esquerdo unha conexión para conectar as baterías recargábeis ou alimentadores de enerxía que podían substituír as pilas eléctricas para subministrar enerxía ao dispositivo, Nintendo distribuía un pack de baterías recargábeis oficial, se ben funcionaba perfectamente con outros modelos non oficiais. A Game Boy require 6VDC de polo menos 250mA.[4] Finalmente, unha conexión para auricularesestéreo de 3.5 mm está situada na parte inferior da videoconsola.[5]
No lateral dereito conta cunha conexión que permite aos usuarios conectar dúas Game Boy a través dun cable, co que dúas persoas poden xogar ao mesmo tempo cun mesmo xogo.[3] Nun principio este porto estaba pensado para ser utilizado en xogos nos que se puidese competir entre dous ou participar dúas persoas no mesmo, mais co tempo se desenvolveu para crear tamén redes sociais de comunicación como nas populares series de videoxogo de Pokémon.[6]
Acollida da videoconsola
Aínda que era menos avanzada tecnicamente ca as Sega Game Gear, Atari Lynx e outros competidores, sobre todo por non soportar a cor, o prezo máis baixo da Game Boy xunto cunha maior duración das pilas fixérona moito máis exitosa.[7] Nas súas dúas primeiras semanas no Xapón, dende o seu lanzamento o 21 de abril de 1989, vendeuse todo o stock de 300.000 unidades; uns meses despois, o 31 de xullo de 1989, vendéronse 40.000 unidades no seu primeiro día de lanzamento.[8] Vendéronse máis de 118,69 millóns de unidades de Game Boy e Game Boy Color combinadas en todo o mundo, con 32,47 millóns de unidades no Xapón, 44,06 millóns en América e 42,16 millóns noutras rexións.[9] Para o ano fiscal xaponés de 1997, iñantes do lanzamento da Game Boy Color en outubro de 1998, vendéronse 64,42 millóns de unidades de Game Boy en todo o mundo.[9][10] Nunha rolda de prensa celebrada o 14 de marzo de 1994 en San Francisco, o vicepresidente de mercadotecnia de Nintendo, Peter Main, respondeu as preguntas sobre cando ía sacar Nintendo unha consola portátil en cor afirmando que as vendas da Game Boy eran boas dabondo como para decidir non desenvolver unha consola portátil sucesora nun futuro próximo.[11]
En 1995, Nintendo of America anunciou que o 46% dos xogadores de Game Boy eran mulleres, porcentaxe superior á de xogadoras tanto para Nintendo Entertainment System (29%) como para Super Nintendo Entertainment System (14%).[12] En 2009, a Game Boy foi incluída no Salón Nacional da Fama do Xoguete, 20 anos após o seu lanzamento.[13]
A consola recibiu críticas dispares por parte da crítica. Nunha análise de fin de ano de 1997, un equipo de catro redactores de Electronic Gaming Monthly outorgou á Game Boy puntuacións de 7,5, 7,0, 8,0 e 2,0. Sushi-X (que contribuíu co 2,0) criticou a consola pola súa pantalla en branco e negro e o seu desenfoque de movemento, namentres que os seus tres compañeiros gabaron a longa duración das pilas e a gran biblioteca de xogos, así como o deseño elegante e cómodo para o peto do novo modelo Game Boy Pocket.[14]
Accesorios
O cable Game Link permite conectar dúas consolas para, nos xogos que así o permiten, xogar en multixogador.
Especificacións técnicas
Tamaño
Aproximadamente 90 mm x 148 mm x 32 mm (An x Al x Pr)
Ata dezaseis páxinas de 8 KB de RAM de traballo intercambiábel (no cartucho de xogo) para un máximo de 128 KB de RAM externa (que pode ser alimentada por batería para gardar partidas).
8 KB de memoria RAM para a pantalla LCD.
32 KB de ROM externa en Game Pak, dos cales 16 KB son intercambiábeis, ROM de arrinque de 256 bytes no chip, cartuchos de 32 KB, 64 KB, 128 KB, 256 KB, 512 KB, 1 MB, 2 MB, 4 MB e 8 MB.
2 bits (catro tons de "cinsento": verde oliva claro a moi escuro)
Referencia:
Esquema de cor orixinal: 0x0 0x1 0x2 0x3
Son
2 xeradores de ondas de pulsos, 1 PCM de 4 bits (64 mostras de 4 bits reproducidas en 1ᅲ64 bancos o 2ᅲ32 bancos), 1 xerador de ruído e unha entrada de son dende o cartucho. A unidade só ten un altofalante, porén o porto de auriculares emite son estéreo.
I/O en serie ("Cable link"): 512 kbit/s con até 4 conexións en serie
Cartucho I/O
Notas
↑Este procesador é similar a un Intel 8080 en que ningún dos rexistros introducidos no Z80 están presentes. Porén, algunhas das melloras do conxunto de instrucións do Z80 sobre o 8080, en particular a manipulación de bits, están presentes. As características eliminadas do conxunto de instrucións do Intel 8080 inclúen a bandeira de paridade, a metade dos saltos condicionais, e as instrucións de E/S. No seu lugar, a E/S realízase mediante instrucións de carga/almacenamento en memoria. No entanto, engadíronse varias características en relación co 8080 e o Z80, como as novas instrucións de carga e almacenamento para optimizar o acceso aos rexistros asignados a memoria. O IC tamén contén xeración de son integrada.
↑Beuscher, Dave. "allgame (Game Boy > Overview)". Allgame. Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2014. Consultado o 2008-09-11. Un equipo encabezado por Gumpei Yokoi deseñou a Game Boy. Yokoi deseñara previamente xogos portátiles para Nintendo co sistema Game & Watch baseado en cartuchos, introducido en 1980. O seu persoal, chamado equipo número 1 de Investigación e Desenvolvemento (I+D), deseñara os exitosos xogos de NES Metroid e Kid Icarus. O que fixo o equipo de Yokoi foi crear un híbrido dos sistemas NES e Game & Watch.
↑Ver Manual de usuario para as diferentes conexións das que dispón a Game Boy.
↑Masuyama, Meguro (2002). "Pokémon as Japanese Culture?". in Lucien King. Game On. New York, NY: Universe Publishing. p. 39. ISBN 0-7893-0778-2. "Pokémon allowed more than metaphorical communication; it made use of a system that created actual communication — a network game."
↑Fahs, Travis (27 de xullo de 2009). "IGN Presenta la historia de Game Boy". IGN. IGN Entertainment, Inc. p. 2. Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2023. Consultado o 2 de outubro de 2013.