Franz Wilhelm Abt, nado o 22 de decembro de 1819 e finado o 31 de marzo de 1885[1] foi un compositor e director coral alemán.[2] Compuxo arredor de 3000 obras, a maioría de música vocal. Moitas das súas cancións cantáronse universalmente no seu tempo, e lograron un lugar no repertorio popular, facéndoo del un recoñecido director coral e pasando boa parte dos seus últimos trinta anos de vida como director convidado de coros en Europa e nos Estados Unidos.
Despois de morrer seu pai en 1837, Abt deixou os seus estudos teolóxicos para se centrar enteiramente na música, comezando a compoñer e publicar música, na súa maior parte obras para piano pensadas para a súa interpretación nos salóns de Leipzig. En 1841 Abt converteuse en kapellmeister en Bernburg e pouco despois en Zürich, converténdose en inmensamente popular, frecuentemente dirixindo composicións propias e dirixindo case todos os coros da cidade. En 1852 Abt volveu a Alemaña para se converter en director do teatro da corte en Braunschweig, posición que ocupou ata 1882.[3]. Ao tempo seguía a dirixir coros, así en 1855 nomeárono director da Hofkapelle e dirixiu numerosos coros como director convidado por toda Europa, desenvolvendo unha reputación internacional, e en 1872 realizou unha xira polos Estados Unidos. En 1882 debido a súa febril actividade caeu enfermo, retirándose a Wiesbaden, onde morreu en 1885.[3]
Música
Abt conta cun repertorio de máis de 600 números opus, que abranguen máis de tres mil cancións; foi especialmente prolífico na escrita de cancións para coros masculinos, xa que consideraba que carecían dun repertorio variado, malia iso compuxo tamén numerosas obras para voz solo e mesmo cancións para nenos. Por mor do seu estilo melódico e simple algunhas das súas cancións, como Wenn die Schwalben heimwärts ziehn, canción que foi enormemente popular [4], ou Die stille Wasserrose son facilmente confundidas con xenuinas cancións populares tradicionais. Abt escribiu tamén tres óperas, Des Königs Scharfschütz, Die Hauptprobe e Reisebekanntschaften.