Era fillo do doutor Emilio Grande Bueno, que exercía de médico en Colunga e de Esperanza Covián. Aos nove anos de idade trasladouse a Oviedo por mor do traballo do seu pai. Nesa cidade cursou bacharelato, para logo marchar a Madrid para estudar medicina. Nese tempo instalouse na Residencia de Estudiantes, coincidindo coa época dourada da institución.[1] Graduouse en 1931 co premio extraordinario de licenciatura e ao ano seguinte obtivo o doutoramento coas máximas cualificacións tras realizar algún cursos en Alemaña.
Traballou co tamén asturiano Severo Ochoa no laboratorio de fisioloxía do doutor Juan Negrín. Durante este tempo realizou varias viaxes por Europa cos que logrou ampliar a súa formación académica ao relacionarse con importantes personaxes da ciencia e da investigación.
Cando comezou a Guerra Civil dedicouse á docencia en Valencia, creando o Instituto de Alimentación da cidade,[1] do que foi subdirector. Coa aparición da fame e outros trastornos nutricionais na guerra e a posguerra, Grande Covián e Francisco Jiménez García estudaron casos de pelagra, a pesar de que a poboación non consumía millo. O estudo que realizaron abrangueu 3116 casos de enfermidades carenciais, das que 2279 foron atribuídas a deficiencias do complexo B.[2] Debido á súa relación con Negrín, debeu refuxiarse en Oviedo ata o fin da contenda. En 1939 trasladouse de novo a Madrid e comezou a desenvolver a súa actividade dentro do Instituto Ibys traballando na preparación de vitaminas.
A partir de 1940 comezou a investigar dentro do centro do Instituto de Investigacións Jiménez Díaz de Madrid. Durante estes anos dedicouse ao estudo da bioquímica do sistema nervioso, facendo numerosas viaxes a Inglaterra. Na década de 1950 comezou a traballar nos Estados Unidos, iniciando unha prolífica carreira que se desenvolveu entre 1953 e 1975 na Universidade de Minnesota. Durante esta época realizou traballos de gran calidade sobre a nutrición para o exército estadounidense e fixo tamén estudos sobre os efectos dos compoñentes da dieta sobre os lípidos do plasma, sobre os factores hormonais que regulan o metabolismo das graxas, a relación entre o tecido adiposo e a termorregulación, calorimetría, efectos fisiolóxicos da fame ou a obesidade nas persoas.[2]
Regresou a España acabada a ditadura e instalouse de novo en Zaragoza, onde antes da súa etapa nos Estados Unidos obtivera mediante oposición unha cátedra de fisioloxía na universidade. No seu regreso ocupou a cátedra de Bioquímica e Bioloxía molecular da Facultade de Ciencias e en 1986 foi nomeado profesor emérito da mesma.
Alimentación y nutrición Barcelona : Salvat,1981. - 64 páxinas. ISBN 84-345-7951-0
Adaptaciones metabólicas en el ayuno Santander : Universidad Internacional Menéndez Pelayo, 1976. - 56 páxinas. ISBN 84-600-0522-4
La alimentación en Madrid durante la guerra: estudio de la dieta suministrada a la población civil madrileña durante diecinueve meses de guerra: agosto 1937 a febrero 1939 Madrid: Gráfica Universal, 1939. 58 p. ; 24 cm. Separata de: Revista de Sanidad e Higiene Pública, decembro 1939
La Ciencia de la Alimentación Madrid : Pegaso,1947 388 páxinas. BNE 19982073293