Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
A fosfocreatina[1], tamén chamada, creatina fosfato, fosfato de creatina ou PCr (ás veces Pcr), é un composto formado por unha molécula de creatinafosforilada nun dos seus nitróxenos, que serve como unha reserva rapidamente mobilizable de fosfatos de alta enerxía, que se encontra no músculo e cerebro.
A fosfocreatina pode doar anaerobicamente o seu grupo fosfato ao ADP orixinando ATP durante os primeiros 2 ou 7 segundos que seguen a un esforzo muscular ou neuronal moi intenso. Inversamente, o exceso de ATP pode utilizarse durante un período de repouso ou baixo esforzo para converter a creatina en fosfocreatina. A fosforilación reversible da creatina está catalizada por varios encimas creatina quinases .[2]
Fosfocreatina + ADP ←→ creatina + ATP
A enerxía libre estándar (ΔGº') liberada durante a hidrólise do fosfato da fosfocreatina é de -10,3 kcal/mol.[3]
A presenza de creatina quinase (CK-MB, MB significa músculo/cerebro) no plasma sanguíneo é un indicativo de danos nos tecidos e utilízase na diagnose do infarto de miocardio.[4]
A capacidade da célula de xerar fosfocreatina a partir do exceso de ATP formado durante o descanso, e o seu uso da fosfocreatina para unha rápida rexeneración do ATP durante a actividade intensa, proporciona un amortecemento espacial e temporal para as variacións da concentración de ATP, que se manteñen case constantes. Noutras palabras, a fosfocreatina actúa como unha reserva de fosfatos de alta enerxía. A fosfocreatina xoga un importante papel nos tecidos que teñen demandas de enerxía altas e flutuantes como a musculatura, corazón ou cerebro. Como o contido de fosfocreatina do músculo esquelético é unhas 3 ou 4 veces maior ca o de ATP poden almacenarse en forma de fosfocreatina cantidades de fosfatos de alta enerxía dabondo como para soster a actividade muscular durante períodos curtos de actividade intensa.
Os fosfatos que como a fosfocreatina (ou a fosfoarxinina en invertebrados) funcionan como reservas enerxéticas temporais reciben o nome de fosfáxenos.
Historia
O descubrimento da fosfocreatina [5][6] realizárono Grace Eggleton e Philip Eggleton na Universidade de Cambridge[7] e por separado Cyrus Fiske e Yellapragada Subbarow da Escola Médica de Harvard[8] en 1927. Uns poucos anos despois David Nachmansohn, traballando baixo a dirección de Meyerhof no Kaiser Wilhelm Institute de Berlin, contribuíu ao coñecemento da función da fosfocreatina na célula.[6]
↑A. Lehninger. Principios de Bioquímica. Omega. 1988. Páxina 383. ISBN 84-282-0738-0
↑Schlattner, U.; Tokarska-Schlattner, M., and Wallimann, T. (2006). "Mitochondrial creatine kinase in human health and disease". Biochimica et Biophysica Acta - Molecular Basis of Disease1762 (2): 164–180. PMID16236486. doi:10.1016/j.bbadis.2005.09.004.