Adolfo "Fito" Cabrales Mato, nado en Bilbao (Biscaia) o 6 de outubro de 1966, é un músico español.[1] Durante a súa carreira musical foi cantante, guitarrista e compositor do grupo Platero y Tú e da súa actual banda, Fito & Fitipaldis. Chegou a vender máis de 2,6 millóns de discos ao longo da súa carreira, 1,6 millóns só con Fito & Fitipaldis.[2]
Traxectoria
Adolfo Cabrales, coñecido como «Fito», naceu na rúa bilbaína de Zabala, aínda que pasou parte da súa infancia e adolescencia en Laredo, Cantabria e en Málaga.[3][4] Na súa mocidade traballou de camareiro nun prostíbulo do que o seu pai era xefe, na rúa de Las Cortes (máis coñecida como La Palanca).[5][6] Na versión en directo do tema Un ABC sin letras, do disco A pelo de Platero y Tú, Fito comenta que «curraba en La Palanca y ahora soplo en Barrenkale [unha das Sete Rúas da Zona vella bilbaína]». Estas non son as súas únicas referencias a esta zona da capital biscaíña. No disco Muy deficiente, tamén de Platero y Tú, hai unha canción ambientada na ponte de Cantalojas, próxima a dita zona, na que alude a unha «chica de Las Cortes» (é dicir, unha prostituta).
Nesta época comezaron tamén os seus problemas coas drogas. Durante anos abusou do speed,[5] aínda que na actualidade asegura «estar limpo». Varias cancións súas falan desta droga. En Corazón oxidado, de Fito & Fitipaldis, di «mi pobre corazón, que está enganchado al speed». Con todo, na versión do disco en directo de 2004, Vivo... para contarlo, deixa a frase a medias e afástase do micro.
Fito destaca polo seu peculiar estilo persoal. Leva sempre o pelo totalmente rapado e ás veces patillas longas, e viste gorras con viseira. Outro dos seus trazos de identidade son os cigarros que leva suxeitos nas caravillas da súa guitarra. Nos primeiros anos con Platero y Tú adoitaba regalar a gorra despois de cada concerto, mais abandonou esta práctica.
Na actualidade reside na localidade biscaíña de Gernika-Lumo. Ten tres fillos: Guillermo (nado en 1997), Diego (nado en 2002) e Marisa (nada en 2015).[7][8]
Platero y Tú
En 1989 Fito uniuse a Iñaki «Uoho» Antón, Juantxu «Mongol» Olano e Jesús «Maguila» García, orixinarios do mesmo barrio, para formar o grupo de rock Platero y Tú.[9] O grupo desmarcábase do rock radical vasco, daquela moi en auxe. Por contra, seguiu as influencias do rock máis clásico de grupos como Status Quo, Leño, AC/DC ou The Rolling Stones, con letras sobre bares, amores, drogas e rock and roll.
Ao longo dos 90, o grupo consolidouse no rock en castelán. Mantivo unha estreita relación con outros grupos e artistas do xénero, como La Polla Records (Evaristo Páramos colabora no tema Juliette), Rosendo Mercado (quen colabora en Sin solución) e sobre todo con Robe Iniesta, voz e guitarra de Extremoduro. Con este último grupo mesmo fai unha xira conxunta en 1996. Na súa traxectoria conseguiron tres discos de ouro e un disco de platino en España, até separárense en 2001.[10]
Fito & Fitipaldis
En 1998 creou de forma paralela a Platero y Tú o grupo Fito & Fitipaldis. No seu primeiro traballo, A puerta cerrada, publica unha serie de temas acústicos que non se axustaban ao estilo musical de Platero y Tú. En principio, ambos grupos coexistiron sen problemas. Porén, tras a disolución de Platero y Tú en 2001, Fito dedicouse en exclusiva ao seu novo grupo.
Co segundo álbum, Los sueños locos e as posteriores gravacións, foi desenvolvendo o seu estilo persoal. Ao mesmo tempo, iniciou un achegamento ao son da última época de Platero y Tú. Así, volveu introducir guitarras eléctricas e ritmos máis rápidos e directos. Nesta etapa, Fito conseguiu maiores éxitos de vendas que con Platero y Tú, o cal lle valeu críticas dos sectores máis conservadores do rock de España.
En 2001 participou xunto a Uoho e a Robe no proxecto deste último, Extrechinato y Tú, para publicar Poesía Básica, un álbum en que musicaron obras do poeta Manolo Chinato. Fito gravou as voces xunto a Robe e as guitarras xunto a Robe e Uoho. O disco recollía tamén tres composicións propias, «Si el cielo esta gris», «Rojitas las orejas» e «Abrazado a la tristeza». Estes dous últimos temas foran gravados anteriormente por Fito & Fitipaldis, «Rojitas las orejas» en A puerta cerrada (tres anos antes de Poesía básica e cun título distinto) e posteriormente «Abrazado a la tristeza», en Por la boca vive el pez.
No verán de 2007, Fito & Fitipaldis realizaron unha xira conxunta con Andrés Calamaro por España e Latinoamérica, gravada no DVD Dos son multitud.
En maio de 2008 saíu á venda un libro autobiográfico, «Soy todo lo que me pasa». Xabier Arretxe Irigorien, "Polako", representante do grupo, redactou o prólogo de dito libro.
O 15 de setembro de 2009 publicouse un novo disco, Antes de que cuente diez, cunha xira por todo o territorio español.
A finais de outubro de 2014 publicouse Huyendo conmigo de mí, con «Entre la espada y la pared» como primeiro sinxelo.[11] O 15 de novembro comezou en Santander a xira de presentación,[11] que incluíu concertos en Chile, o Uruguai e a Arxentina, e rematou o 24 de outubro no Bilbao Exhibition Centre de Barakaldo.
Discografía
Son evidentes as diferenzas de estilo entre o rock de Platero y Tú e a mestura de rock, blues, jazz, rockabilly e outros estilos musicais de Fito & Fitipaldis. Con todo, a temática das cancións de Fito é sempre a mesma. Trata historias persoais ambientadas no mundo da noite con presenza constante de bares, drogas e amores, cun ton característicamente cínico e vitalista á vez.
- Voy a acabar borracho (1991), Wellcome. Reeditado por DRO en 1996.
- Burrock'n roll (1992), DRO.
- Muy deficiente (1992), DRO.
- Vamos tirando (1993), DRO.
- Hay poco rock & roll (1994), DRO
- A pelo (en directo, 1996), DRO
- 7 (1997), DRO
- Correos (2000), DRO
- Hay mucho rock'n roll Volumen I (2002) e Volumen II (2005), DRO
- A puerta cerrada (1998), DRO
- Los sueños locos (2001), DRO
- Lo más lejos a tu lado (2003), DRO
- Vivo... para contarlo (en directo, 2004), DRO
- Por la boca vive el pez (2006), DRO
- Dos son multitud (en directo con Andrés Calamaro, 2008), DRO
- Antes de que cuente diez (2009), DRO
- En directo desde el Teatro Arriaga (2014), DRO
- Huyendo conmigo de mí (2014), DRO
- Fitografia (2017), DRO
- Cada vez cadáver (2021), DRO
Colaboracións
Proxectos musicais
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas