Unha familia é unha unidade social formada por un conxunto de individuos vinculados por relacións de matrimonio, parentesco ou afinidade, que conviven e organizan colectivamente a vida cotiá ou parte dela.[1] Segundo a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, é o elemento natural, universal e fundamental da sociedade e ten dereito á protección da sociedade e do Estado.
Non hai consenso sobre unha definición universal da familia. É un concepto antropolóxico inferior ao clan, a tribo e a nación; sociolóxico e incluso económico (unidade mínima de empresa). A familia nuclear é o modelo principal de familia e a estrutura máis difundida na actualidade; porén, as formas de vida familiar son moi diversas, dependendo de factores sociais, culturais, económicos e afectivos. A familia, como calquera institución social, tende a adaptarse ao contexto dunha sociedade.[2]
O Día Internacional das Familias, celebrado o 15 de maio, foi instituído pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de setembro de 1993. Acordouse celebrar no ano 1994 o Ano Internacional da Familia e concretar no día 15 de maio de tódolos anos os actos conmemorativos, que se comezaron a convocar en todo o mundo a partir dese ano 1994 [3].
O obxectivo proposto é poñer de manifesto a importancia que a comunidade internacional debe conferir á familia como unidade básica da sociedade e motor do desenvolvemento económico e social, o que comporta tomar en consideración tódolos problemas que poidan afectar á situación das familias no mundo e promove-la adopción das medidas adecuadas para resolver eses problemas, incluíndo a necesidade de que os gobernos teñan en consideración as necesidades familiares á hora de establecer prioridades nas decisións políticas que adopten.
Características
Segundo defende a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, "a familia é o elemento natural e fundamental da sociedade e ten dereito á protección da sociedade e do Estado". Na maioría dos países a familia goza de personalidade xurídica e crea entre os seus membros obrigas e dereitos de carácter social e material.
Os lazos principais que definen unha familia son de dous tipos: vencellos de afinidade, derivados do establecemento dunha relación sentimental recoñecida socialmente como o matrimonio ou unha unión de feito entre dúas ou máis persoas, e vencellos de consanguinidade, como a filiación entre pais e fillos ou os lazos de que se establecen entre os irmáns que descenden do mesmo pai ou da mesma nai. Tamén pódese diferenciar a familia segundo o grao de parentesco entre os seus membros.
Orixe
Segundo expón Claude Lévi-Strauss, a familia ten a súa orixe no matrimonio, consta de marido, muller e fillos nacidos da súa unión e os seus membros mantéñense unidos por lazos legais, económicos e relixiosos. Dentro desta visión, historicamente unha das principais funcións da familia foi regular a procreación[4][5]. Para os meniños a familia adoita ser a referencia primeira na súa socialización e integración cultural[6]. Ademais a orde social establece unha rede de prohibicións e privilexios sexuais ligados á familia e unha cantidade variable e diversificada de lazos psicoafectivos como amor, afecto, respecto, temor etc.
En oposición a este enfoque, Radhika Coomaraswamy defenden que "non se debería definir a familia mediante unha construción formalista, nuclear, a de marido, muller e fillos. A familia é o lugar onde as persoas aprenden a coidar e a seren coidadas, a confiar e a que se confíe nelas, a nutrir a outras persoas e a nutrirse nelas".
Tipos de familias
As familias poden estar clasificadas nos seguintes tipos:
Familia nuclear: formada polos proxenitores e un ou máis fillos.
Familia homoparental: aquela onde unha parella de homes ou de mulleres se converten en proxenitores.
Familia de pais separados: en que o fillo ou fillos conviven cun só proxenitor, xa que os proxenitores se negan a vivir xuntos; non son parella mais deben seguir cumprindo o seu rol de pais ou nais antes a súa descendencia, por moi afastada que esta estea.
Familia por convenio: Familia que se conforma por unha alianza de diñeiro ou por convenio.
Crítica
Algúns científicos sociais defenderon a abolición da familia. Un opoñente inicial da familia era Sócrates, cunha posición que foi esbozada por Platón na República.[7] No Libro 5 desta obra Sócrates dille aos seus interlocutores que unha cidade xusta é aquela en que os cidadáns non teñen lazos familiares.[8][9]
Ao ser a familia unha institución moi arraigada e venerada, poucos intelectuais se aventuraron a falar contra ela. O familiarismo foi atipicamente definido como unha "estrutura social onde... os valores dunha familia se levan a cabo en máis alta estima que os valores dos membros individuais da familia."[10] O favoritismo ou preferencia que teñen funcionarios públicos para dar empregos a familiares ou amigos, sen importar o mérito para ocuparen o cargo, senón a súa lealdade ou alianza chámase nepotismo.[11]
A filósofa individualista ruso-estadounidense Ayn Rand comparou a parcialidade cara á consanguinidade co racismo, como unha manifestación de pequena escala deste último.[12] "A adoración da familia é simplemente racismo, como unha cruamente primitiva primeira base para a adoración da tribo. Coloca o accidente do nacemento por riba dos valores dunha persoa e o deber á tribo sobre o dereito dunha persoa á súa propia vida".[13] Ademais, manifestouse a favor dun childfree lifestyle ("estilo de vida sen fillos"), seguíndoo ela mesma.[12]
O xornalista estadounidense Marty Nemko considera que a familia está sobrevalorada. "Os políticos, clérigos, e só xente sinxela enxalzan a familia como a institución máis importante. / Creo que a familia está sobrevalorada. Moitas persoas sofren excesivamente dende a familia... / Millóns de persoas nin sequera falan cun membro da familia. Millóns máis gastan anos e fortunas en terapeutas, tratando de desfacer os males que a familia perpetrou neles. / Todo isto non debería sorprender. Despois de todo, a diferenza de cos amigos, somos postos na nosa familia de orixe de forma aleatoria, sen voz no asunto".[14]
Del Fresno García, Miguel (2011). Familia y crisis del matrimonio en España. Poznań: Studia Europaea Gnesnensia. Instytut Kultury Europejskiej. Uniwersytet im Adama Mickiewicza. ISSN1233-8672.
Del Fresno García, Miguel (2013). Trabajo social con familias los estilos familiares como indicadores de riesgo. Una investigación etnográfica. Portularia. Revista de Trabajo Social. ISSN1578-0236.
Estrada, L. (2003). El ciclo vital de la familia. México: Grijalbo.
Gough, K.; Lévi-Strauss, C.; Spiro, M. E. (1974). "Los nayar y la definición del matrimonio. El origen de la familia". Polémica sobre el origen y la universalidad de la familia. Barcelona: Anagrama.
Instituto Juan Pablo II para la Familia (2002). Memorias del 3er Congreso Nacional de la Familia. México: Ediciones Castillo.
Lucas, R. (1999). El hombre, espíritu encarnado. Ediciones Sígueme.
Papalia, D. (2004). Desarrollo humano. México: Mc Graw Hill.
Ramírez, Aline. Tesis: La comunicación interpersonal como un elemento de funcionalidad en el noviazgo. México: Instituto Superior de Estudios para la Familia.
Sgreccia, E. (1996). Manual de bioética. México: Diana.
Vázquez de Prada, Mercedes (2008). Historia de la familia contemporánea. Rialp. ISBN9788432137075.