O seu cultivo está favorecido pola climatoloxía continental da zona, con choivas abundantes (1.200 - 1.400 mm ao ano) e temperaturas suaves (12 a 14 °C anuais). Na zona predominan os solos francos e franco-lamacentos, con valores de acidez cun pH de entre 7 e 5.
Historia
A vida económica da zona estivo determinada pola celebración periódica de feiras de gando e produtos agrícolas, os días 9 e 28 de cada mes. O mercado de fabas de Lourenzá está documentado dende o século XVIII[1].
Nas décadas de 1970 e 1980, debido á decadencia do sector lácteo, déuselle pulo á produción da faba e do liño, dada a estacionalidade destes cultivos (duran 6 meses). Desde 1990, ano da creación da festa da faba, cobrou especial relevancia o mercado de fabas por xunto entre outubro e xaneiro. Este mercado consolidouse a comezos do século XXI, acadándose as 600 toneladas de transacción anual.
O concello de Lourenzá fomentou a profesionalización do sector coa construción da Lonxa de Horta, Flor e Faba.
Na actualidade hai dúas variedades principais: a Faba Galaica e a Faba do Marisco, as dúas pertencentes á especie Phaseolus vulgaris L..
Enfermidades
O cultivo da faba pode verse afectado por diversas pragas (mosca da semente, pulgóns e gurgullos, que poden chegar a estragar a colleita enteira) e enfermidades (fungos).
Notas
↑A produción agrícola é do máis vario e selecto, como corresponde a un terreo tan fértil e ameno. Dende as plantas tropicais ata as propias de climas temperados, e aínda fríos, todo se cultiva aquí, podendo sen esaxeración afirmarse que é o val de Lourenzá o xardín da provincia (...); que en 1787 existían (...) fanegas de fabas (...). Arquivo de Xeografía Xeral do Reino de Galicia.