Fátima de Madrid foi unha astrónomamusulmá dos séculos X-XI, nada en Madrid, pero que pasou a maior parte da súa vida en Córdoba, centro do saber mundial naqueles tempos.[1]
Traxectoria
Filla do reputado astrónomo Abul-Qasim Maslama ibn Ahmad al-Faradi al-Hasib al-Qurtubi Al-Mayriti, máis coñecido como Maslama al-Mayriti, traballou xunto a seu pai en investigacións astronómicas e matemáticas, que publicaron baixo o título de “Correccións de Fátima”.[2] Xuntos editaron e corrixiron as Táboas Astronómicas de Al-Khwarizmi, axustándoas ao meridiano de Córdoba e situando o "centro do mundo" na capital do Califato, como referente para tódolos seus cálculos.[3] Tamén traballaron sobre calendarios, o cálculo das posicións verdadeiras do Sol, a Lúa e os planetas, táboas de senos e tanxentes, astronomía esférica, táboas astrolóxicas, cálculos de paralaxe, eclipses e visibilidade da Lúa.[2]
Aínda que as informacións sobre a vida de Fátima aparecen xa na edición de 1924 da Enciclopedia universal ilustrada europeo-americana de Espasa-Calpe, hai quen pon en dúbida a súa existencia, alegando que esa é a fonte máis antiga sobre este personaxe, xa que non se coñecen as referencias nas que se basea a propia enciclopedia[5], aínda que si está documentada a obra denominada Correccións de Fátima e outros traballos realizados xunto a seu pai. Algúns especialistas sosteñen que non é máis que unha invención.
"Sen ter en conta a distancia no tempo e no espazo, a nosa Espasa cumpriu admirablemente o seu papel de fonte de consulta sólida e fiable. Mais en tódolos proxectos tan ambiciosos hai impresións erróneas, algún canalla ou algún copista descoidado. Por desgraza, un deses pillabáns esvarou na historia da ciencia. Así, créanse algúns mitos, non documentados nin apoiados por outras fontes, que se refiren a personaxes que non deberían estar na historia máis que como mitos. O pai da historiografía da ciencia en España —Francisco Vera— xa nos puxo en garda cando investigou un xeómetra, bispo de Calahorra da época visigoda, chamado Luciniano, que só aparece en Espasa. Con Fátima, a filla erudita de Maslamá o Madrileño, atopamos algo semellante ao que acontece con Luciniano. Non hai referencia, non hai ningunha fonte orixinal ou fiable na que confiar".
De igual opinión é a arabista Manuela Marín, especialista en historia e biografía de Al-Andalus que alude á reaparición da figura ao aparecer nun calendario do Ano da Astronomía no 2009[1]. Así, referíndose a Maslama al-Mayrití, afirma:[6]
"É, xa que logo, o máis ilustre dos madrileños andalusís e non era necesario inventarlle unha súa filla historicamente inexistente, que foi chamada Fátima de Madrid e que foi sorprendentemente incluída no calendario de "Astrónomas que fixeron historia", publicado con motivo do Ano Internacional da Astronomía (2009). O erro, que procede dunha antiga edición da Enciclopedia Espasa e foi reproducido sen criterio, é hora de que se desfaga, aínda que a súa abundante circulación en Internet non dá moitas esperanzas neste sentido".
Marín, Manuela (2011). "Arabismo en Madrid". En Gil-Benumeya, Daniel. De Maŷrit a Madrid. Madrid y los árabes, del siglo IX al siglo XXI(en castelán). Madrid/Barcelona: Casa Árabe/Lunwerg. pp. 184–191. ISBN978-84-9785-707-9.