Evan Rachel Wood
Evan Rachel Wood, nada en Raleigh o 7 de setembro de 1987[1], é unha actriz e cantante estadounidense. Comezou como actriz infantil a medidados da década de 1990 e deuse a coñecer internacionalmente en 2003 polo premiado papel protagonista na longametraxe Thirteen. Traballou en máis de 30 producións cinematográficas e televisivas e dende 2016 encarna a Dolores Abernathy na serie de televisión Westworld. TraxectoriaFilla da actriz e directora Sara Lynn Moore, convertida ao xudaísmo[2][3] e de Ira David Wood III, actor e fundador e director artístico e executivo do teatro local Theatre In The Park[4]. Evan, cos seus irmáns Dana e Thomas, estivo activamente implicada en Theatre In The Park, e así xa apareceu aos poucos meses de nacer, en 1987, nunha comedia musical producida polo seu pai anualmente dende 1974 e adaptación de A Christmas Carol[5]. De máis grandiña, fixo de pantasma do pasado en varias producións do teatro de seu pai e, máis tarde, interpretou a Helen Keller canda súa nai (que facía de Anne Sullivan) na produción teatral The Miracle Worker baixo a dirección de seu pai[6]. Seus pais separáronse en 1996 cando ela tiña dez anos e algo despois divorciáronse. Evan foi vivir con súa nai ao condado dos Ánxeles[7]. Educouse durante un tempo no fogar, con doce anos era cinto negro de taekwondo[8]e con quince recibiu o certificado de secundaria[9]. Primeiros traballos profesionais: 1994-2000Participou cando tiña cinco anos nunha audición para o papel de Claudia en Interview with the Vampire que finalmente encarnou Kirsten Dunst[10]e comezou a actuar de xeito profesional en 1994 ao aparecer cun pequeno papel no telefilme In the Best of Families: Marriage, Pride & Madness[11] que se rodou en Carolina do Norte e logo seguiu a realizar rodaxes de telefilmes, e en 1995-1996 actuou en tres episodios de American Gothic. En 1998-1999 tivo un papel regular na segunda e terceira tempadas, polo que rodou un total de 6 episodios, na serie de televisión Profiler [12] e escollérona para interpretar de xeito regular o papel de Jessie Sammler nas tres tempadas da serie Once and Again (1999-2002)[13]. O seu primeiro papel importante no cinema foi en 1997 ao ter a oportunidade de protagonizar o filme de baixo orzamento, Digging to China con Kevin Bacon, Cathy Moriarty e Mary Stuart Masterson. O filme gañou o premio do xurado infantil no Festival Internacional Infantil de Cinema de Chicago [14]. Nese ano tivo un papel en Practical Magic, unha película do xénero de fantasía dirixida por Griffin Dunne e protagonizada por Sandra Bullock e mais Nicole Kidman[15]. Primeiros éxitos : 2001-2005Evan xa como adolescente debutou como protagonista no filme de 2001 Little Secrets, dirixido por Blair Treu, no que facía de Emily Lindstrom, unha aspirante a violinista de 14 anos, e polo que recibiu unha candidatura a mellor actriz nova protagonista nos premios Young Artist[16]. Tamén tivo un papel salientable no filme Simone que tivo estrea en 2002 e que constitúe unha sátira de ciencia ficción que dirixiu Andrew Niccol e protagonizou Al Pacino e Catherine Keener. En 2003 protagonizou o filme Thirteen que se converteu no seu primeiro éxito e no que lle deu vida a Tracy Louise Freeland, unha das dúas adolescentes que na trama caen nunha espiral de drogas, sexo e delincuencia. A súa interpretación valeulle unha candidatura a mellor actriz nos Globo de ouro e outra como mellor actriz nos do Sindicato de Actores. En xullo de 2003 apareceu, con outras actrices, na portada da revista Vanity Fair como unha das It Girls de Hollywood[17] Nese ano tivo tamén un papel destacado no filme de Ron Howard Desaparicións protagonizado por Cate Blanchett e Tommy Lee Jones e no que encarnou a filla secuestrada, Lilly Gilkeson, e unha aparición nun episodio de CSI: Crime Scene Investigation. En 2005 apareceu en The Upside of Anger de Mike Binder con Kevin Costner e Joan Allen, un filme con boas críticas no que interpretaba a Lavander "Popeye" Wolfmeyer, unha das catro irmás que tiña que se enfrontar á ausencia do pai e que ademais facía de narradora da historia[18]. As súas seguintes dúas interpretacións foron en filmes independentes de baixo orzamento, Pretty Persuasion foi en 2005 candidata ao premio do Gran Xurado no Festival de Cinema de Sundance, nesta comedia negra e satírica centrada no acoso sexual, a discriminación nas escolas e as actitudes sobre as mulleres nos medios de comunicación e mais na sociedade, Wood encarnaba a Kimberly Joyce, unha unha estudante adolescente de secundaria manipuladora e sexualmente activa. Dese ano é Down in the Valley que dirixiu David Jacobson, a súa personaxe, Tobe, namórase dun home máis vello, un cowboy que non concorda coa sociedade moderna (Edward Norton). E tamén en 2005 participou en vídeo musicais de Bright Eyes: "At the Bottom of Everything"[19] e Green Day: "Wake Me Up When September Ends".[20] Consolidación: 2006-2008En xuño de 2006 The Guardian referíase a ela como unha das mellores actrices da súa xeración[18] e en setembro dese ano recibiu o premio ao talento emerxente da revista Premiere [21] e en outubro foi a estrea de Running with Scissors, unha comedia dramática coral dirixida por Ryan Murphy e na que Evan encarnaba a Natlie Finch. A película estaba baseada no libro de memorias de Augusten Burroughs, un relato semiautobiográfico da infancia de Burroughs nunha familia disfuncional, e foi candidata nos Globos de Ouro. En setembro de 2007 foi a estrea de dous filmes nos que interpretaba á protagonista, King of California no Festival de Sundance[22], unha historia dun músico de jazz con trastorno bipolar (Michael Douglas) e Miranda, a súa sufrida filla adolescente, que volven estar xuntos logo de pasar seu pai dous anos nunha institución mental e sae coa teima quixotesca de procurar un tesouro español agochado na rexión. En Across the Universe, un filme musical de Julie Taymor que foi candidato a un Globo de Ouro e un Óscar e que está ambientado en Liverpool, Nova York e Vietnam, e que se centra nas vidas de varios personaxes durante a contrarrevolución cultural da década de 1960. Baséase na canción homónima dos Beatles e ademais inclúe 34 temas escritos orixinalmente polos membros do grupo. Evan, que describiu a música dos Beatles como unha grande influencia na súa vida, afirmou que o seu papel, Lucy que mantén nunha relación con Jude (Jim Sturgess)[23], fora o seu favorito[24]. Evan foi a voz en 2008 dunha extraterrestre, de nome Mala, en Battle for Terra un filme animado de ciencia ficción ambientado nun pacífico planeta que afronta a destrución pola colonización dos desprazados do que queda da raza humana. A película gañou en 2008 o gran premio no Festival Internacional de Animación de Ottawa e tamén recibiu un premio Midnight no Festival Internacional de Cinema de San Franscisco con Elijah Wood[25]. En 2008 rodou The Life Before Her Eyes de Vadim Perelman, un filme baseado na novela homónima de Laura Kasischke e que trata da amizade de dúas adolescentes de personalidades opostas que se ven envolveitas nun tiroteo no seu instituto, ao estilo do de Columbine e téñense que enfrontar a unha escolla imposible. Evan encarnou á Diana adolescente, mentres Uma Thurman facía dunha Diana máis vella. Nese ano coprotagonizou o filme do director Darren Aronofsky The Wrestler, que gañou un León de Ouro á Mellor Película no Festival de Cine de Venecia, unha película baseada na vida de Randy "Ram" Robinson (Mickey Rourke), un loitador profesional dende a década de 1980, que tras un ataque ao corazón ha de se retirar xa que volver loitar suporía unha morte case segura. Evan fai de Stephanie, a filla de Robinson coa que case non ten relación. Éxito no cinema e na televisión: 2009–Evan coprotagonizou Whatever Works de Woody Allen con estrea o 22 de abril de 2009 no Festival de Cinema de Tribeca e no que daba vida a nova esposa de Boris Yellnikoff (Larry David)[26], un misántropo hipocondríaco. Con posterioridade laiouse por participar na película e declarou que non había traballar de novo con Woody Allen[27]. En maio de 2009 encarnou a Xulieta en seis funcións benéficas de Romeo and Julieta de William Shakespeare nunha produción que dirixiu seu irmán en Theatre In The Park[28]. En 2013 interpretou a Gabi no filme de suspense psicolóxico e romántico Charlie Countryman con Shia LaBeouf e mais Rupert Grint[29] e como actriz de voz participou como Marianne en 2015 no filme de animación de Lucasfilm Strange Magic. Con Chris Evans realizou en 2016 un anuncio publicitario para as fragrancias Gucci Guilty Eau[30]. Dende 2016 encarna o androide Dolores Abernathy na serie de televisión de ciencia ficción e oeste da HBO Westworld. Os críticos gabaron a súa actuación como "espectacular", "un alarde" e dun "logro técnico tremendo"[31][32][33]. En 2019 foi a voz da raíña Iduna en Frozen II que constituíu un éxito comercial.[34] MúsicaEn 2012 gravou o tema "I'd Have You Anytime" para o cuarto CD de Chimes of Freedom: The Songs of Bob Dylan Honoring 50 Years of Amnesty International, unha recompilación a beneficio da organización Amnistía Internacional e en 2016 actuou como dúo electro-pop, Rebel and a Basketcase, co multiinstrumentista Zach Villa[35][36][37], colaboración que rematou en agosto de 2017[38] e en 2018 formou un novo grupo coñecido como Evan + Zane, co guitarrista-compositor Zane Carney[39] En 2019 apareceu pola primeira volta no Billboard Hot 100 coa canción "Show Yourself", un dueto con Idina Menzel para a banda sonora de Frozen II e que debutou na listaxe no número 99[40] e chegou ata ao 70[41]. ActivismoEn xuño de 2016 o grupo Human Rights Campaign lanzou un vídeo en homenaxe ás vítimas do masacre de Orlando; no vídeo, Evan e outras celebridades narran historias de persoas que alí morreron[42]. En febreiro de 2018 testemuñou diante un subcomité xudicial da Cámara de Representantes en apoio dunha lei federal de superviventes de agresións sexuais que fora vítima de violencia doméstica e violación[43]pero sen revelar o nome do seu agresor. Tamén testemuñou diante o Senado de California en abril de 2018 en apoio do proxecto de lei, redactado por ela, coñecido como lei Phoenix de violencia doméstica que o gobernador de California asinou como lei estatal en 2019[44]. Coa nova regulación estatal a prescrición dos delitos de violencia doméstica pasou de tres a cinco anos; tamén require que os axentes de policía teñan formación complementaria en violencia de relacións de parella. En febreiro de 2021 publicamente afirmou que o seu agresor fora Marilyn Manson[45], con quen mantivera unha relación entre 2006 e 2010. Non obstante, o cantante negou todas as acusacións[46]. FilmografíaCinema
Televisión
Vídeos musicais
Notas
Information related to Evan Rachel Wood |