Foi designado como bispo logo de ser apreixado o rei García de Galicia polo seu irmán o rei de León Afonso VI. Porén, foi sempre sospeitoso de apoiar o malfadado rei galego.
Acometeu a reorganización dos extensos territorios do Señorío feudal de Santiago. Este posesión feudal abranguía as terras entre o río Iso e o Atlántico. Esforzouse por mellorar a xustiza, a administración e a defensa militar fronte os ataques normandos e os conflitos interiores.
Acuñoumoeda e deu un importante pulo ao intercambio comercial.
Iniciou, ao redor do ano 1075, as obras da gran catedral románica de Santiago. A anterior fora destruída polas incursións devastadoras do caudillo musulmán Almanzor durante os días do rei galego Vermudo II. A través da escola catedralicia atraería o máis florido da cultura europea do momento. Puxo as obras baixo a dirección do mestre Bernardo. Impulsou as peregrinacións a través do Camiño de Santiago ata facer delas un fenómeno de escala continental.
Considéraselle un dos impulsores da reforma gregoriana nos reinos hispánicos.
Liortas políticas
Dende a súa fasquía de figura política, salienta o seu enfrontamento co rei de León Afonso VI. Ao reconquistar este monarca a taifa de Toledo (1085), Páez tentou que a vella capital visigótica non fose a nova cabeceira eclesiástica e política dos reinos cristiáns. Santiago de Compostela arelaba ocupar esa posición como sé apostólica e meta de cristiandade xacobea dende Armenia ata Fisterra. Pero nin a galega sé de Braga, nin a castelá de Toledo estaban dispostas a ceder o que entendían que eran os seus dereitos históricos. Braga fora restaurada polo rei García de Galicia; Toledo érao agora por Afonso VI de León.[6]
Semella que se viu envolto no levantamento do líder da nobreza galega Rodrigo Ovéquiz. Este foi un conflito violento que o rei leonés tardou dous anos en sufocar. Estas axitacións, animadas tanto dende a nobreza laica como eclesiástica, determinaron ao monarca a dividir o reino de Galicia en dúas tenzas feudais. Unha, en 1090, baixo o mando do conde Raimundo de Borgoña e a súa filla Urraca (totia Gallecia Imperatrix) ao norte do río Miño. Outra, en 1095, baixo Henrique de Borgoña e a súa filla ilexítima Tareixa nas terras portucalenses.[6][12]
Acusación e caída
Neste clima de inestabilidade política, Diego Páez sofre a acusación de traizón. Semella que conspirou para restaurar a independencia do reino de Galicia coa alianza do caudillo normando Guillerme o Conquistador.[4][13]
Pois os seus inimigos, movidos polos celos da envexa, dixeron que tentaba entregar o reino de Galiza ó rei dos ingleses e normandos e tirarllo ó rei dos hispanos. Se isto, divulgado por tódolos lugares, foi certo ou non, non é agora o noso asunto.
Esta acusación tivo como consecuencia a súa deposición no Concilio de Husillos (1088). Asemade foi encarcerado e humillado por Afonso VI. O papa Urbano II desautorizou fulminantemente o monarca e confirmou o bispo na súa sé de Santiago de Compostela.[5]
As presións da corte castelá-leonesa e do arcebispo Bernardo de Toledo acadaron que Páez fose finalmente despoxado da súa diocese. O Papa, porén, dispuxo que podía exercer o ministerio episcopal no caso de que outra diocese o chamase. En 1904 escapou da prisión e refuxiouse en Aragón.[15] Ese mesmo ano, nomeouse ao cluniaco francés Dalmacio, bispo de Iria e Compostela. Dalmacio fora enviado polo poderoso abade Hugo de Cluny coa misión encuberta de arranxar os desacordos entre os condes Raimundo e Henrique de Borgoña.[16] Tras a morte de Urbano II, o novo papa Pascual II recoñeceu que fora xustamente deposto.
↑González López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do reino de Galicia. Editorial Galaxia. p. 177. Consultado o 16-08-2018. O Rei de Castela [Afonso VI] alegóu contra o bispo de Iria (Compostela) o crime de que tratara de entregar o reino de Galicia a Guillermo o Conquistador.
↑Falque Rey, Emma (1994) [séc. XII]. Historia compostelana(en castelán). Ediciones AKAL. p. 299. Consultado o 16-08-2018.
Nodar Fernández, Victoriano (2004) Los inicios de la catedral románica de Santiago. El ambicioso programa iconográfico de Diego Páez, ISBN 84-453-3913-3.