Edelmiro Álvarez Jiménez,[1] máis coñecido como Delmi Álvarez (Miro Álvarez), nado en Vigo o 8 de xullo de 1958, é un fotógrafo documentalista galego.
Traxectoria
Participou na fotobienal de Vigo en 1984 e 1986. Comezou traballando para A Nosa Terra, La Región, El País e o Diario de Galicia. En 1987 acadou o premio Fotopress por Instantáneas. Entre 1990 e 1991 estivo en Cuba desenvolvendo o proxecto fotográfico Cuba, el ultimo bastion: la lucha de un pueblo, co que acadou de novo o premio Fotopress.
Entre 1991 e 1993 estivo en Croacia e Bosnia e Hercegovina cubrindo as guerras iugoslavas para La Voz de Galicia. Entre 1989 e 2009 desenvolveu o proxecto Galegos na Diáspora[2], fotografando personalidades da diáspora galega. O proxecto foi editado en forma de libro pola Secretaría Xeral de Emigración. O autor presentou a obra na Library of Congress en Washington e na CUNY, na Universidade de Nova York, ante os emigrantes galegos que viven nesas cidades. Porén, o libro non recibiu atención en Galiza.
Sobre a Diáspora realizou tres documentais en coprodución coa Televisión de Galicia. O Rei galego de África, A última fotografía e Galegos da Guaiana venezolana. En dous destes documentais participou o xornalista galego Arturo Lezcano Fernández. Posteriormente filmou Fuga de cerebros, sobre a vida de catro parellas de científicos galegos na diáspora en Colonia, Alabama, Estocolmo e París no que falan das vicisitudes para investigar na universidade galega, as mafias, familias e demais que impiden levar a cabo traballos que sirvan de proveito para Galiza. O documental non chegou a co-producirse coa TVG aínda que existía un pacto verbal cos seus responsables, pero ao trocar a dirección foi rexeitado.
En 2012 funda o proxecto PHOTOYOUTH[3] para nenos con discapacidade e problemas económicos ou familiares. Apoiado por unha bolsa da Unión Europea (Interreg), no proxecto participaron máis de 200 nenos, profesores e escolas das cidades de Riga (Letonia), Vyborg, San Petersburgo e Pskov (Rusia), entre elas unha de nenos cegos. As imaxes finais do proxecto exhibíronse nesas cidades e en Bruxelas, ademais de publicarse nun libro.
En 2013 documentou a minería con cianuro e os proxectos mineiros que empresas canadenses estaban a levar a cabo en diferentes puntos de Europa no proxecto In the name of Gold[4]. En novembro de 2014, unha selección de imaxes do proxecto formou parte dunha exposición en Estados Unidos na universidade Yale School of Forestry Environmental Studies, baixo o título Digging Gold, conxuntamente con Larry C. Price, Ron Haviv e Robin Hammond. O evento foi organizado e co-porducido por F&ES SIGs: International Society of Tropical Foresters (ISTF), Yale Extractive Industries Working Group (XWG), Health & Environment at Yale, Environmental Justice at Yale, Latin America SIG and Africa SIG; The Earth Institute of Columbia University e The Pulitzer Center on Crisis Reporting.
Entre 2003 e 2016 documenta o movemento migratorio das persoas que se desprazan a Europa no proxecto Transmigrants[5] presentado ao público como un proxecto educativo e documental para o estudo das vindeiras xeracións.
Delmi seguindo a súa traxectoria nos proxectos etnográficos e antropolóxicos filmou aos himba en Namibia no documental Himbas, struggle for survive, que nunca se chegou a emitir.
En 2018 comeza a fotografar un novo proxecto Outras Diásporas[6] sobre a inmigración a Galiza.
Pescuda na Antropoloxía Social e Cultural.[cando?]
O 22 de xuño participa no seminario do 1º encontro de fotografía documental contemporánea galega "FX Ollos para ver" organizado pola facultade de Comunicación da USC, Santiago de Compostela.
O 28 de xullo de 2023 presenta o libro Cuba 1991[7], xunto con Ana Miranda e X.M. Crego na Asociación de Mulleres de Moaña
Obra
- Reporteiro de guerra en Iugoslavia, crónica autobiográfica (Ed. Xerais, 1994)
- O Camiño de Santiago. Tres edicións do proxecto sobre o camiño por diferentes fotógrafos galegos e internacionais.
- Mar. Proxecto de libro sobre a pesca galega coa ollada de catro fotógrafos: Ian Berry e Richard Kalvar (Axencia Magnum Photos), Xulio Villarino , Delmi Álvarez [8]e Gert Van Kesteren. [9]Non chegou a publicarse.[9]
- Retrospectiva. Exposición e libro publicado polo Concello de Vigo.
- Diáspora galega 1989-2009 (2017)
- Érase unha vez en Europa, Guerra dos Balcáns.2021
- La isla resiliente. A crise social e económica que creou o volcán na illa de La Palma. 2022
- Galegos na Diáspora. Terceira edición, con Verkami. 2022.
- Cuba, 1991. Libro de fotografía documental no Período Especial de Paz no 1991.
Notas
- ↑ Dicionario biográfico de Galicia, T. 1, p. 40, Ir Indo Edicións, 2010-2011, Vigo.
- ↑ "Galegos na Diáspora". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2016. Consultado o 01 de xuño de 2016.
- ↑ PHOTOYOUTH
- ↑ "In the name of Gold". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2016. Consultado o 01 de xuño de 2016.
- ↑ "Transmigrants". Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2016. Consultado o 01 de xuño de 2016.
- ↑ "Delmi Alvarez". www.facebook.com. Consultado o 2019-09-28.
- ↑ Sas, Fran G. (2023-07-27). "La Cuba más dura a través de un objetivo". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2023-07-28.
- ↑ OTERO, A. (23 de maio de 2008). "Magnum “pesca”en Galicia". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2022.
- ↑ 9,0 9,1 Alvarez, Delmi (28 de xaneiro de 2009). "Proyecto con Magnum sobre Galicia (GZ) que no gusta al Director Xeral de Turismo". Galegos na Diáspora (en castelán). Consultado o 10 de xullo de 2022.
Véxase tamén
Ligazóns externas