Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Cordeiro.
Santa Comba de Cordeiro é unha parroquia que se localiza no concello de Valga. Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 2.062 habitantes (990 homes e 1.072 mulleres), o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 2.327 habitantes.
Está situada ao pé do monte Fontebecha, a última altura significativa cara ao norte do cordal no que se atopa o Monte Xiabre.
Historia
En 1028 Bermudo III doou esta vila ao bispado de Compostela. Nese momento o topónimo era Cordario[3]. No lugar existiu un mosteiro até 1478, na súa orixe feminino e despois de cóengos.
Patrimonio
Até o século XVIII existiu a Igrexa vella de Santa Comba de Louro, construción medieval sobre un templo tardorromano. Logo do seu abandono, a súa pedra foi utilizada para a construción da actual igrexa, situada 300 m máis ao norte.
A igrexa parroquial é unha colexiata de estilo barroco, rematada en 1733. Ten planta de cruz latina con bóveda de canón e cuberta a dúas augas. O cruceiro ten bóveda de aresta e cuberta a catro augas. A nave está dividida en tres tramos por arcos faixóns. No primeiro hai altares laterais con arco de medio punto, no segundo xanelas cadradas formando lunetos na bóveda, e no terceiro coro con balaustrada. A sancristía está acaroada á ábsida. A fachada ten porta alintelada moldurada, fornela con volutas, xanela rectangular, remate a dúas augas con pináculo e cruz. A torre – campanario é lateral con decoración de placas e escaleira de subida con patín sobre columnas.
Embutido na parede dunha casa particular do lugar de Beiro consérvase un panel dun baldaquino que representa o nacemento de Xesús.
No lugar de Vilar érguese un cruceiro de capela, único exemplar que se conserva nesta tipoloxía fóra da súa área de distribución, que se limita á comarca de Barbanza.
Galería de imaxes
-
Panel dun baldaquino nunha casa particular en Beiro.
-
Panel dun baldaquino na parede dunha casa en Beiro.
-
Igrexa vella de santa Comba de Louro.
Lugares e parroquias
Lugares de Cordeiro
Parroquias de Valga
Notas
Véxase tamén
Outros artigos