A situación de illamento da fronte do norte, a 200 quilómetros en liña recta das posicións republicanas máis próximas, coa subseguinte escaseza de abastecementos bélicos e alimentarios, propiciou que poderes locais asumiran funcións que eran competencia do goberno da República, coma o mando das milicias ou a cuñaxe de moedas. En Asturias, onde a UXT e a CNT tiñan unha grande implantación, vivírase unha especie de revolución de carácter socialista con tinguidura libertarias.
Declaración de soberanía
O 24 de agosto firmase o decreto que establece a soberanía dos territorios administrados polo Consello Interprovincial de Asturias e León pasando a ser entón o Consello Soberano de Asturias e León. O 26 de agosto sairía publicado na prensa dito decreto. Adoitase dar a data do 25 de agosto como a que entrou en vigor a declaración de soberanía do Consello.
Reaccións políticas
O Consello Soberano −que se atribuíra poderes que eran competencia única do Goberno da República− presidíao Belarmino Tomás e nel estaban representadas as diferentes organizacións políticas e sindicais do bando republicano en Asturias como a FSA-PSOE, a CNT, a FAI, a JJLL, a JSU, o PCE, a UXT e Izquierda Republicana. Unha parte destas organizacións da Fronte Popular criticará a actuación, cualificando a idea de prexudicial, antiunitaria e cantonalista.
A idea do Consello Soberano era apoiada por Belarmino Tomás e a maioría de dirixentes do PSOE, así como por Segundo Blanco e outros responsábeis da CNT. O PCE criticou a decisión. Rafael Fernández, secretario xeral das federacións asturianas do PSOE e a JSU, condenou o decreto e a soberanía. Os dous representantes da UXT tiveron unha opinión diferente cada un. Os conselleiros de Izquierda Republicana reprobaron a decisión.
As tensións creadas levaron a enfrontamentos entre algúns conselleiros que en ocasións chegaron aos insultos persoais. O Goberno da República censurou a actitude do Consello Soberano, sobre todo cando este se dirixiu á Sociedade de Nacións. O Ministro da Gobernación transmitiu a Belarmino Tomás "a súa sorpresa e o seu desgusto".
O Consello Soberano, ao que se lle coñeceu popularmente coma o Gobernín, dividiuse en cinco comisións que agrupaban cada unha varias consellerías:
Comisión militar: Delegado do Goberno e Presidente do Consello, Xefe do E. M. do C. de Exército, Industria, Instrución Pública e Traballo.
Comisión de Abastecementos, Evacuación e Transportes: Comercio, Pesca, Mariña Mercante e Obras Públicas.
Comisión de Xustiza, Orde Pública, Propaganda e Comunicacións: Facenda, Comunicacións e Propaganda.
Comisión de Asistencia Social e Sanidade: Asistencia Social e Sanidade.
Comisión de Economía: Agricultura e Xustiza.
Á dereita pódese ver unha táboa coas distintas consellerías, os seus titulares e a organización á que estes pertencían.
Así fóronse organizando os distintos servizos da administración ata que chegou o momento da evacuación na noite do 20 de outubro de 1937. A última reunión do Consello Soberano celebrouse o mesmo día 20 de outubro pola tarde. Ao día seguinte, as tropas do bando nacional entraban en Xixón.
O Consello Soberano emitiu billetes divisionarios ao non existir moeda suficiente debido ao illamento no que se encontraba Asturias. Estes billetes foron coñecidos popularmente como belarminos.
Tras a caída
A caída de Asturias propiciou ao bando nacional a posibilidade de enviar as tropas que tomaran parte nesta campaña a reforzar outras frontes e permitiulle contar coas industrias e recursos coas que contaban esta rexión. No bando republicano analizáronse as consecuencias que provocaron a perda do norte, como mostra o artigo titulado ¿Por qué se perdió el Norte? publicado en El Socialista o 30 de outubro de 1937, onde se fai fincapé na falta de unidade e de decisións políticas que prexudicaron plans militares.
Cronoloxía
24 de agosto: Fírmase o decreto mediante o cal o Consello Interprovincial de Asturias e León se transforma en Consello Soberano de Asturias e León.
25 de agosto: Entra en vigor o decreto anterior.
26 de agosto: O mencionado decreto sae publicado na prensa.
29 de agosto: O Consello Soberano cesa ao xeneral Gamir Ulibarri e nomea xefe militar da rexión ao coronel Prada.
4 de setembro: As tropas nacionais intérnanse en Asturias.