Cobán é un municipio e a capital do departamento de Alta Verapaz, localizado na República de Guatemala. No ano 2000 a poboación foi estimada nuns 70.000 habitantes.
A cidade foi fundada por frades dominicos en 1543. Anos despois foi declarada Cidade Imperial por Carlos V.
O municipio de Cobán localízase na parte central do país, que é unha rexión na que se dá o café e o cardamomo, industrias xeradas por inmigrantes alemáns no século XIX.
Está localizada no medio dunha plataforma cárstica, convertendo esta zona en meca de grutas e cavernas para os espeleólogos.
Toponimia
O seu nome provén da lingua qʼeqchiʼ, que significa "entre nubes" e é que a rexión é moi chuviosa, incluso con orballo perenne, que dura até varios días chamado polos locais "chipi chipi". A día de hoxe, debido ós cortes de árbores nos bosques, este fenómeno é menos común e as temporadas chuviosas son máis copiosas pero menos constantes.
Xeografía e clima
A cidade de Cobán está localizada a 212 km da cidade de Guatemala.
Atópase na lat 15° 28' 07" e lonx 90° 22' 36". Conta cunha extensión territorial de 2,132 km². Debido a que o terreo é cárstico na súa maioría, a súa topografía é variada, con montañas e simas ou siguáns que pasan os 1.000 m de elevación e os 100 m de profundidade respectivamente. As terras descenden até uns 300 metros sobre o nivel do mar na área norte, no carón do departamento de Petén.
A climatoloxía varía en relación coa elevación e sinuosidade do terreo.
Festas
Festival de Indíxenas de Guatemala, a finais de xullo.
Media Maratón de Cobán desde 1974 na terceira fin de semana do mes de maio.
Tamén son importantes as festas dos barrios San Marcos, Santo Domingo, San Juan e Santo Tomás, cada unha organizada pola súa propia confraría.
Gastronomía
En Cobán elabóranse numerosos pratos típicos como o kaq ik, que ten como ingrediente principal o pavo crioulo, de patio ou "chunto", ave que foi introducida polos españois a partir do século XV, orixinaria de Norteamérica e México, e que os cobaneros aprecian moito. Entre as bebidas que se utilizan en celebracións está o kakaw, que é unha bebida amarga feita de sementes de cacao que se moen e mesturan con outras especias para facer unha especie de batido.