O Club Sport Emelec é unha entidade polideportiva ecuatoriana da cidade de Guayaquil, fundada o 28 de abril de 1929, máis coñecida pola sección de fútbol, unha das máis laureadas do país con 10 títulos da Liga ecuatoriana, incluída a edición inaugural de 1957.
Outras seccións do club adícanse ó béisbol (17 títulos nacionais), baloncesto (14 títulos nacionais), boxeo, natación, ximnasia, voleibol, tenis de mesa, birlos, ciclismo, judo, fisioculturismo, levantamento de pesos e hóckey.
O club mantén unha intensa rivalidade co seu veciño de Guayaquil, o Barcelona SC, co cal disputa anualmente o chamado Clásico do Estaleiro, un dos derbis máis importantes do país. Tamén existe moita rivalidade deportiva con outros grandes clubs de Ecuador como o LDU Quito, o CD El Nacional ou o Deportivo Quito.
O equipo de fútbol do CS Emelec xoga os seus encontros como local no Estadio George Capwell, así chamado en memoria do fundador do club, un empresario norteamericano que construíu unha central eléctrica na cidade, e que fundou o club para que os traballadores da Empresa Eléctrica de Ecuador practicasen os seus deportes preferidos (de aí o nome do club). O estadio, inaugurado o 2 de decembro de 1945, foi o primeiro estadio do país propiedade dun club. Actualmente ten capacidade para acoller a 30.016 seareiros nas bancadas.
En xuño de 2010, a IFFHS elixiu o CS Emelec como mellor equipo do mes en todo o mundo, feito insólito no fútbol ecuatoriano.
Palmarés
O Club Sport Emelec é o único equipo ecuatoriano que foi campión de liga en tódalas décadas dende que existe o campionato nacional.
Continental
Nacional
- Serie A de Ecuador (10) = 1957, 1961, 1965, 1972, 1979, 1988, 1993, 1994, 2001, 2002
- Subcampionatos (11) = 1960, 1963, 1966, 1967, 1970, 1989, 1996, 1998, 2006, 2010, 2011
Rexional
- Campionato de Guayaquil (5) = 1956, 1957, 1962, 1964, 1966
- Subcampionatos (6) = 1955, 1958, 1960, 1961, 1965, 1967
Xogadores
Véxase tamén
Ligazóns externas