O Estadio George Lewis Capwell é un estadio de fútbol situado na cidade de Guayaquil, en Ecuador, propiedade do Club Sport Emelec, que xoga nel os seus encontros como local da Liga ecuatoriana. O estadio foi construído entre 1943 e 1945, e inaugurado o 21 de outubro de 1945, converténdose no primeiro estadio de Ecuador en ser propiedade dun club deportivo. No momento da súa inauguración collían 11.000 persoas nas bancadas. Actualmente teñen capacidade para acoller a 30.016 espectadores.
O nome do estadio é unha homenaxe ó fundador do club, un estadounidense que chegou a Ecuador coa misión de construír unha central eléctrica en Guayaquil, e que quixo crear un club deportivo para os empregados da empresa. Esa empresa, chamada Empresa Eléctrica de Ecuador, da nome ó club (Em-El-Ec).
O recinto foi construído coa idea de que nel se practicase o béisbol, pero a popularidade crecente do fútbol entre empregados e espectadores fixo que finalmente se dedicase só á esta practica deportiva.
A Copa América do ano 1947 disputouse integramente neste estadio. Non obstante, a posterior construción na cidade do Estadio Modelo fixo que o Estadio George Capwell caese en desuso, ata tal punto que a finais dos anos 70 era un estadio en ruínas, e estivo a piques de ser vendido varias veces. Foi a finais dos anos 80 cando se tomou a decisión de reconstruílo. A reinauguración tivo lugar o 26 de maio de 1991, cunha capacidade para mais de 21.000 persoas, e dende entón é un dos estadios de referencia no país. En 1993 acolleu dous encontros da Copa América. Certas remodelacións posteriores ampliaron a súa capacidade ata as 30.016 persoas, e existen plans para facer unha nova ampliación en 2012 ata as 40.275.
Véxase tamén
Ligazóns externas