Non se coñece con exactitude a data de fundación do club. Porén, a primeira participación coñecida do equipo redondelán remóntase ao ano 1933, durante a II República, cando participou nunha regata organizada polo Club Marítimo de Vigo baixo o nome de Club San Fausto de Chapela. No ano 2007, mentres competía no trofeo da Bandeira Teresa Herrera, disputada nas augas entre a Praia do Orzán e a Praia de Riazor, na Coruña, a embarcación de Chapela foi esnaquizada polas ondas por mor do mal tempo, co resultado de 5 remeiros feridos.[1] Asemade, o club organiza nas augas de Chapela, nas proximidades da praia de Arealonga a Bandeira Concello de Redondela.[2] Actualmente participa na Liga Noroeste de Traiñeiras e participou en varias ocasións na Bandeira da Concha.