O ciclo do fósforo é un ciclo bioxeoquímico consistente na circulación do fósforo na Terra entre os seres vivos e os compoñentes abióticos da Terra. Ademais da auga, do carbono, do nitróxeno e do osíxeno, o fósforo é importante para os seres vivos. A maioría do fósforo se atopa nos sedimentos, formando parte da litosfera. O seu proceso de liberación é moi longo xa que depende dun ciclo xeolóxico, por isto constitúe un factor limitante no crecemento das plantas, xa que se trata dun constituínte importante das biomoléculas. O fósforo está presente nun 0,2% nas estruturas vexetais e nun 1% nas animais.
En certos aspectos, o ciclo do fósforo é mais simple que o ciclo do carbono e do nitróxeno, pois non existen moitos compostos gasosos de fósforo e, polo tanto, non pasa pola atmosfera. Outra razón para a sinxeleza do ciclo do fósforo é a existencia de apenas un composto de fósforo realmente importante para os seres vivos: o ión fosfato.
Os fosfatos son liberados polas rochas fosfatadas e cinzas volcánicas, e transportados polas correntes de auga ata os lagos e o mar, onde precipitan para formar os sedimentos. O tempo de permanencia nos ecosistemas terrestres é de 100 ata 10.000 anos dependendo da eficacia do almacenamento ou de reciclado dos organismos encargados. No medio acuático a permanencia é máis ou menos de dez anos.
As plantas obteñen o fósforo do ambiente absorbendo os fosfatos disolvidos na auga e no solo. Os animais obteñen fosfatos na auga e no alimento. A descomposición devolve o fósforo que formaba parte da materia orgánica ao solo ou á auga. De aí, parte del é arrastrada polas chuvias para os lagos e mares, onde acaba incorporándose ás rochas. Neste caso, o fósforo só retornará aos ecosistemas, máis tarde, cando esas rochas se eleven e consecuencia de procesos xeolóxicos e, na superficie, sexan descompostas e transformadas en solo.
Así, existen dous ciclos do fósforo que acontecen en escalas de tempo diferentes. Unha parte do elemento recíclase localmente entre o solo, as plantas, consumidores e decompoñedores, nunha escala de tempo relativamente curta, que podemos chamar ciclo de tempo ecolóxico. Outra parte do fósforo ambiental sediméntase e é incorporada ás rochas; o seu ciclo envolve unha escala de tempo moito máis longa, que pode ser chamada ciclo de tempo xeolóxico.
Véxase tamén