Cesáreo Fernández Losada, nado en Celanova o 26 de xuño de 1831 e finado en Barcelona o 11 de abril de 1911, foi un médico e militar español, cirurxián, fundador da Academia de Sanidade Militar no exército español e destacado científico.
Traxectoria
Licenciado en Medicina pola Universidade Central de Madrid, foi médico persoal da raíña Isabel II, e de Leopoldo O'Donnell. Traballou no Hospital Militar de Madrid e foi fundador do Instituto Bacteriológico. Destacou como especialista en cirurxía militar, apreciable na súa obra Resumen de las lecciones de cirugía. Foi esta a materia que impartiu ós alumnos de Sanidade Militar. Desenvolveu no último cuarto do século XIX unha extensa labor no estudo do fenómeno das epidemias de cólera que se sucedían en España. A proposta de Losada implantouse a vacinación obrigatoria para o ingreso no exército.
Na súa faceta militar, participou nas campañas de Marrocos (onde asistiría ó xeneral O'Donell) e en Cuba en 1895, destacando os seus estudos médicos sobre a illa que publicaría máis tarde. Chegou ó grado de xeneral en 1874.
Home de espírito liberal, sen separarse da súa condición de médico e militar, participou en política ó final do reinado de Isabel II, sendo elixido deputado a Cortes en 1867 por Ourense e en 1868 por Celanova, o que lle permitiu impulsar e expor actuacións e reformas en materia de sanidade militar.
Das súas obras, destacan a xa mencionada Resumen de las lecciones de cirugía, así coma o conxunto de publicacións científicas xurdidas trala súa estancia en Cuba: Instrucciones higiénicas para el ejército en la Isla de Cuba, Gráfica comparativa sobre el estado sanitario del ejército de la Isla de Cuba e Consideraciones higiénicas sobre la ciudad de La Habana.
Véxase tamén
Bibliografía
- VV.AA.: Historia del Instituto de Medicina Preventiva del E.T. "Capitán Médico Ramón y Cajal", en Medicina Militar. Revista de Sanidad de las Fuerzas Armadas de España, vol. 59, núm. 2, pp. 5 a 17. Ministerio de Defensa. ISSN 0212-3568
- VV.AA.: Gallaecia Fvlget: (1495-1995) : cinco séculos de historia universitaria, Santiago de Compostela. ISBN 84-8121-304-7
- Cortés Laiño, Joaquín, Álvarez Escudero, Julián, Franco Grande, Avelino: Historia de la anestesia en España, 1847-1940, Madrid 2005, ISBN 84-95913-56-9
- Curros Enríquez, Manuel (1911). Hijos ilustres de Galicia. Obras Completas v. IV (en castelán). Madrid: Sucesores de Hernando.
Ligazóns externas