A promoción destes cereais diríxese tanto ao público infantil coma a adultos. No caso dos primeiros, os cereais son azucrados ou saborizados con mel, chocolate ou froitas, e enriquecidos con distintas vitaminas e minerais. Para os adultos, promóvense os beneficios dunha dieta saudábel, baixa en graxas e alta en fibras (están moi dirixidos ao público feminino).
Entre os maiores produtores de cereais para o almórzo atópanse a Kellogg's, a Quaker Oats e a Nestlé. A industria dos cereais ten unhas marxes de beneficios brutos do 40-45%,[1] 90% de penetración nalgúns mercados,[2] e un crecemento continuado ao longo da súa historia.[3]
O primeiro cereal para o almorzo, Granula, foi inventado en 1863 por James Caleb Jackson, en Dansville, Nova York. Os cereais non prosperaron por seren imprácticos, pois necesitaban ficar na auga durante a noite anterior para podérense consumir.
A xeración de cereais para o almorzo a seguir foi considerabelmente máis conveniente, e en combinación cunha promoción intelixente, finalmente lograron prosperar. En 1877, John Harvey Kellogg, inventou un biscoito feito de trigo, avea e fariña de millo para pacientes que sufrían do intestino. Inicialmente, o seu produto tamén se chamou Granula, mais cambiouse a Granola tras unha decisión xudicial. Máis tarde, o seu irmán, Will Keith Kellogg inventou os flocos de millo e fundou a compañía Kellogg's en 1906. Grazas a distintas campañas publicitarias, Kellogg's vendeu un millón de caixas ao cabo de tres anos.