A Catedral de Santa María de Burgos é un templo católico dedicado á Virxe María situado na cidade española de Burgos. O seu nome oficial é Santa Igrexa Catedral Basílica Metropolitana de Santa María de Burgos. Polo seu tamaño, é a terceira catedral de España despois da de Sevilla e da de Toledo. Foi declarada Monumento Nacional o 8 de abril de 1885[1] e é a única catedral española que ten a denominación de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, recoñecido o 31 de outubro de 1984.[2]
Características
O impulsor da construción foi o bispo Mauricio que nunha misión diplomática a Alemaña, observou as novas construcións que se estaban a levar alí mais en Francia. A súa construción comezou en 1221,[3] seguindo patróns góticos franceses e, como se adoitaba, a primeira pedra colocouse preto da cabeceira do altar maior.[4] Cando o bispo morreu en 1238, foi soterrado en medio do presbiterio.[4][5] Non se consagrou até 1260.
Tivo importantes modificacións nos séculos XV e XVI: as agullas da fachada principal, a Capela do Condestable e o ciborio do cruceiro, elementos do gótico avanzado que dotan ao templo do seu perfil inconfundible. As últimas obras de importancia (a Sancristía ou a Capela de Santa Trega) pertencen xa ao século XVIII, século no que tamén se modificaron as portadas góticas da fachada principal. O estilo da catedral é o gótico, aínda que posúe, no seu interior, varios elementos decorativos renacentistas e barrocos. A construción e as remodelacións realizáronse con pedra calcaria extraída das canteiras da próxima localidade burgalesa de Hontoria de la Cantera.
Fachada principal
O deseño da fachada principal está relacionada co máis puro estilo gótico francés das grandes catedrais de París e Reims, mentres que o alzado interior toma como referencia á Catedral de Bourges.[3] Consta de tres corpos rematados por dúas torres laterais de planta cadrada. As agullas de influencia xermánica engadíronse no século XV e son obra de Juan de Colonia. No exterior son sobresaíntes tamén as portadas do Sarmental e a Coronería, góticas do século XIII, e a portada da Pellejería, con influencias renacentistas-platerescas do século XVI.
Interior
Numerosos son os tesouros arquitectónicos, escultóricos e pictóricos do seu interior. Destacan:
- O ciborio gótico-plateresco, alzado primeiro por Juan de Colonia no século XV e reconstruído por Juan de Vallejo no XVI.
- A Capela do Condestable, de estilo gótico isabelino, na que traballaron a familia Colonia, Diego de Siloé e Felipe Bigarny. Agregada en 1482 por Simón de Colonia, consiste nun octógono regular que remata na parte superior nunha bóveda estrelada con trazarías abertas.[3]
- O retablo gótico hispano-flamengo de Gil de Siloé para a Capela de Santa Ana.
- O cadeirado do coro, obra renacentista plateresca de Vigarny.
- Os relevos tardogóticos do deambulatorio, de Vigarny.
- Os numerosos sepulcros góticos e renacentistas.
- A renacentista Escaleira Dourada, de Diego de Siloé.
- O Santísimo Cristo de Burgos, imaxe de gran tradición devocional.
- A tumba do Cid e a súa esposa Jimena Díaz, a súa carta de arras e o seu cofre.
- O Papamoscas, estatua articulada que abre a boca ao dar as badaladas das horas.
Na catedral consérvanse obras de artistas extraordinarios, como os arquitectos e escultores da familia Colonia (Juan, Simón e Francisco), o arquitecto Juan de Vallejo, os escultores Gil de Siloé, Felipe Vigarny, Rodrigo de la Haya, Martín de la Haya, Juan de Ancheta e Juan Pascual de Mena, o escultor e arquitecto Diego de Siloé, o reixeiro Cristóbal de Andino, o vidreiro Arnao de Flandres ou os pintores Alonso de Sedano, Mateo Cerezo, Sebastiano del Piombo ou Juan Ricci, entre outros moitos.
Patrimonio da Humanidade
A catedral burgalesa foi declarada Monumento Nacional o 8 de abril de 1885 e Patrimonio da Humanidade pola Unesco o 31 de outubro de 1984. É a única catedral española que ten esta distinción da Unesco de forma independente, sen estar unida ao centro histórico dunha cidade (como ocorre nos casos de Salamanca, Santiago de Compostela, Ávila, Córdoba, Toledo ou Cuenca) ou en compañía doutros edificios, como en Sevilla. É ademais o templo católico de maior rango en Castela e León ao tratarse do único templo que sendo catedral metropolitana é á vez unha basílica.
Galería de imaxes
-
Fonte e fachada
-
Parte meridional
-
Fachada de Santa María
-
Porta do Sarmental
-
Porta da Coronería
-
Capela maior
-
O papamoscas
-
Ciborio do cruceiro
-
Exterior do ciborio
-
Escaleira dourada
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Aznar, Fernando (1985). La catedral de Burgos. Serie Monumentos declarados de interés mundial por UNESCO. Madrid: Ministerio de Cultura. ISBN 84-369-1187-3.
- Andrés Ordax, Salvador (1991). Guía de Burgos. León: Ediciones Lancia. ISBN 84-86205-50-6.
- Ramos Merino, Juan Luis (2012). Iglesia y notariado en la Castilla bajomedieval: La Catedral de Burgos (1315-1492). Madrid: La Ergástula. ISBN 978-84-938490-2-3.
- Rodríguez Llera, Ramón (2017). Historia de la arquitectura. Madrid: Libsa. ISBN 978-84-662-3291-3.
- Serrano, Luciano (2001). D. Mauricio, obispo de Burgos: y fundador de su catedral. (Edición orixinal 1922). Valladolid: Maxtor. ISBN 84-95636-21-2.
Outros artigos
Ligazóns externas