Carmen de Burgos viviu no barrio de Rodalquilar, no concello de Níjar, onde o seu pai, vicecónsul de Portugal en Almería, posuía terras, minas e o casal "La Unión". Aos dezaseis anos casa con Arturo Álvarez Bustos, con quen tivo un fillo e unha filla. Álvarez Bustos era un xornalista doce anos maior ca ela, fillo do gobernador civil de Almería, quen ademais tiña en propiedade a imprenta da que saía o principal xornal da capital, o cal lle permitiu a Carmen familiarizarse co mundo da prensa desde moi cedo.[3]
En xuño de 1895 obtivo en Madrid a titulación de mestra de Ensino Elemental Primario e en 1898 a de Ensino Superior. En 1901 obtivo praza mediante oposición na Escola Normal de Mestras de Guadalaxara. Ese ano morreu o seu fillo e decidiu abandonar un marido infiel e vividor para comezar unha nova vida independente coa súa filla.
A partir de 1902 colaborou co xornal El Globo, onde escribía unha columna titulada Notas femeninas na que analizaba asuntos como "A muller e o sufraxio" ou "A inspección das fábricas obreiras". En 1903, Augusto Suárez de Figueroa fundou o Diario Universal e contratouna para manter unha columna diaria titulada Lecturas para la mujer, baixo o pseudónimo de "Colombine", suxerido polo propio editor. Era a primeira vez en España que unha muller se recoñecía como xornalista profesional. Na súa columna, Carmen de Burgos trataba de modas e costumes pero introducía ideas que xa se estaban a popularizar noutros países europeos. Fixo campaña para a legalización do divorcio, o que lle valeu a admiración de Giner de los Ríos e Blasco Ibáñez, pero ataques por parte da Igrexa e dos sectores conservadores, que buscaron desacreditala. En 1905 conseguiu unha bolsa do Ministerio de Instrución Pública para estudar os sistemas de ensino doutros países, e viaxou durante case un ano por Francia, Italia e Mónaco.
A finais de 1906 retomou o seu labor docente e xornalístico e lanzou unha campaña no Heraldo de Madrid a favor do sufraxio feminino cunha columna titulada El voto de la mujer. Ao ano seguinte, coa chegada ao Goberno do conservador Antonio Maura, o ministro de Instrución Pública Rodríguez-San Pedro destinouna a Toledo para a afastar de Madrid, aínda que eguía volvendo a Madrid todas as fins de semana para animar o faladoiro literario que creara ao seu regreso de Francia: "La tertulia modernista". Aquela reunión semanal de escritores, xornalistas, músicos, artistas plásticos, poetas e artistas estranxeiros de paso por Madrid mantívose varios anos e estivo na orixe da Revista crítica. Alí coñeceu a Ramón Gómez de la Serna, daquela un descoñecido estudante de dezaoito anos, con quen mantivo unha intensa relación amorosa e literaria durante vinte anos.
Tras o desastre do Rif en 1909, Carmen de Burgos decidiu achegarse ás tropas españolas que loitaban arredor de Melilla. Alí exerceu de correspondente de guerra do diario El Heraldo de Málaga. Xa de volta a Madrid, publicou o artigo Guerra a la guerra!, no que defendía os pioneiros da obxección de conciencia.
Coa proclamación da Segunda República en 1931, a nova constitución recoñeceu o matrimonio civil, o divorcio e o voto feminino, colmando así as aspiracións de Carmen de Burgos. Afiliouse ao Partido Republicano Radical Socialista e foi nomeada presidenta da Cruzada de Mulleres Españolas e da Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Iberoamericanas. Foi tamén elixida vicepresidenta primeira da Esquerda Republicana Anticlerical, e en novembro de 1931 ingresou na Masonaría, onde fundou a loxa Amor, da que era Gran Mestre.
O 8 de outubro de 1932, mentres participaba nunha mesa redonda sobre educación sexual no Círculo Radical Socialista, Carmen de Burgos empezou a sentirse mal e foi trasladada ao seu domicilio, onde a atenderon tres médicos, entre os cales estaba o seu amigo Gregorio Marañón, pero sen éxito. Faleceu ás dúas da madrugada do día 9 e foi enterrada no cemiterio civil de Madrid en presenza dos principais políticos e intelectuais da época. Clara Campoamor, xunto con varios intelectuais, pediu que se lle dese o seu nome a unha rúa de Madrid. Tras a Guerra Civil e a vitoria do réxime franquista, o seu nome foi incluído na lista de autores prohibidos e os seus libros desapareceron das bibliotecas e as librarías.
Relacionouse, entre outros, con Galdós, Blasco Ibáñez, Juan Ramón Jiménez, Julio Romero de Torres, Sorolla, etc. Considérase unha das primeiras defensoras do papel social e cultural da muller. Defendeu así mesmo a liberdade e o goce de existir. Decididamente independente, creu nun mundo mellor e foi unha temperá feminista, aínda que ela odiaba ese termo. Na súa obra La mujer moderna y sus derechos (1927) definía a súa postura como un feminismo conciliador ao explicar: "Non é a loita de sexos, nin a inimizade co home, senón que a muller desexa colaborar con el e traballar a carón del".[4]
Traballou en El Universal, El Globo, La Correspondencia de España, El Heraldo de Madrid e ABC, diario do que foi a primeira redactora. Cubriu diferentes episodios da Guerra de Melilla en 1909 e foi unha das primeiras mulleres correspondentes de guerra da historia de España. Ademais da súa intensa obra xornalística son salientables as súas conferencias no ámbito do movemento feminista; por exemplo: La misión social de la mujer (1911) e La mujer en España. Non foi moi ben considerada por un importante sector dos críticos e escritores contemporáneos, que en moitas ocasións colocaron o seu labor e a súa obra relegados e reducidos á condición de amante de Ramón Gómez da Serna.
En 1904 traduciu ao castelán a autobiografía de Hellen Keller. [6]
Entre as súas novelas máis populares pódese citar Puñal de claveles, escrita ao final da súa vida e baseada no suceso coñecido como o "crime de Níjar", que tivo lugar en 1928 en Níjar e que foi unha das inspiracións con que contou Federico García Lorca para as súas Bodas de sangre.[7]
Ensaio e outros escritos
Ensayos literarios, 1900.
Álbum artístico literario del siglo XX, 1901.
Notas del alma, 1901.
El divorcio en España, 1904.
La mujer en España, 1906.
Por Europa, 1906
La voz de los muertos, 1911
Leopardi, 1911
Misión social de la mujer, 1911
Cartas sin destinatario, 1912
Al balcón, 1913
Impresiones de Argentina, 1914
Confidencias de artistas, 1916
Peregrinaciones, 1917
Mis viajes por Europa, 1917
Fígaro, 1919
La Emperatriz Eugenia, 1920
Hablando con los descendientes, 1929
Gloriosa vida y desdichada muerte de D. Rafael del Riego, 1931.