No ano 2005 contaba con 9.411 habitantes. A súa extensión é de 107 km² e ten unha densidade de 88,0 hab/km². As súas coordenadas xeográficas son 37º 36' N, 5º 49' W. Atópase situada a unha altitude de 32 metros e a 29 quilómetros ao noroeste da capital de provincia, Sevilla.
Como a capital provincial, Cantillana aséntase na ribeira norte do Guadalquivir, xusto na desembocadura do seu afluente o Viar. Ademais do núcleo principal, tamén pertencen a Cantillana o lugar formado ao redor da estación do ferrocarril, e mais os casaríos de Carretera de Brenes, La Mota e Los Pajares.
Historia
É posíbel que a actual Castillana se corresponda coa romana Ilipa Naeva, e téñense atopado no núcleo restos correspondentes a esa época. Aparece mencionada como Cantiliana por Isidoro de Sevilla nas súas Etimoloxías. Situada no camiño entre Córdoba e Sevilla, Cantillana foi amurallada e convertida nunha praza forte. Como boa parte dos lugares situados nas proximidades de Sevilla, cando o rei castelán Fernando III preparaba a toma da capital ocupou Castillana e desprazou a poboación musulmá en abril de 1247. O monarca dooulle a vila á Orde de Santiago en 1248 e catro anos máis tarde (1252) pasa a depender do arcebispado sevillano. O arcebispo comparte o seu dominio sobre a vila co cabido catedralicio entre 1285 e 1547, cando o rei Filipe II a recupera para a coroa e lla dona ao corsario Juan Antonio Vicentelo de Leca, en pagamento polos servizos, e convértea en condado.
Os edificios máis importantes de Castillana son a igrexa da Asunción, comezada en 1619, e a igrexa de San Bertolameu, do século XV.
Artesanía
Destaca o tecido de mantóns de Manila que desde o século XIX veñen realizando as mulleres de Castillana. Tamén ten tradición o traballo do coiro e a olería.