Can Vies é un centro social autoxestionado (CSA) okupado, creado en 1997. Está situado no Carrer dels Jocs Florals 40-42, no barrio de Sants de Barcelona. O edificio construíuse en 1879 para vivendas.[1] Foi remodelado pola construción da chamada Línia Transversal do metro de Barcelona, xa que se atopa xunto á estación de Mercat Nou da liña 1 da rede. Neste espazo desenvólvense principalmente actividades culturais, sociais e políticas.
Historia
Usos anteriores
Construído en 1879, era na súa orixe un edificio residencial. En 1923, cando se construíu a Línia Transversal do Metro de Barcelona, o edificio foi mercado para construír baixo del o túnel por onde pasarían as vías. O edificio empregouse como almacén de materiais e oficinas para a construción desta liña de metro. Posteriormente converteuse no edificio das e dos traballadores do metro, e foi colectivizado durante a guerra civil española polo sindicato CNT.
Durante o franquismo, o edificio foi a sección sindical do metro do Sindicato Vertical. Engadíuselle un anexo para unha capela adicada á Virxe de Montserrat, patroa de Cataluña. Foi a sede do Círculo Social Metropolitano, unha entidade creada o 13 de novembro de1943 que xestionaba actividades deportivas, artísticas e de lecer, activa até 1985. Daquela contaba cun salón de actos, unha sala de xuntas, un local de ensaio do Orfeón Social Metropolitano e un laboratorio fotográfico. As obras de teatro tamén se ensaiaban na capela.
Tamén foi sede das Escolas Comerciais Montserrat, que posteriormente se trasladarían á Rambla de Badal, números 113-119, onde se atopa actualmente o CEIP Cavall Bernat. Tras seren legalizados os sindicatos, o edificio continuou a cumprir as súas funcións como edificio das e dos traballadores. Albergou a sede do dispensario e diversas oficinas sindicais. A principios dos 90 o edificio sufriu varios incendios, nun período en que os traballadores estaban en conflito laboral coa empresa TMB.
Okupación
O 10 de maio de 1997, o edificio foi okupado por xente moza do barrio, como resposta á falta de espazos onde desenvolver actividades tanto recreativas como políticas. En resposta, TMB presentou unha demanda en 1998.
Aproveitando a chegada do AVE a Barcelona, o Concello aprobou un plan de reordenación urbanística. Este afectaba a varios inmobles da zona, incluído Can Vies, para convertelos en edificios de vivendas particulares.[2]
O 1 de febreiro de 2007, no xuízo polo desaloxamento de Can Vies, foi desestimada a demanda de Ferrocarril Metropolità de Barcelona (TMB). Dita empresa, dependente de TMB e xestora do metro de Barcelona, fixera un contrato de cesión do edificio á CNT en 1984, polo que é o sindicato o que utiliza o local. A sección ferroviaria da CNT solicitáralle á FMB un espazo para as súas actividades. A empresa cedeu Can Vies, co dereito a revogar a decisión en calquera momento, mais non o fixo. Tras a escisión da CNT, a CXT abriu o local a varias entidades.
Organización e participación
O órgano de decisión máximo do CSA Can Vies é a asemblea. Funciona por consenso, de xeito horizontal, sen xerarquías nin representantes, a través da responsabilidade colectiva. Participa na Assemblea de Barri de Sants e mais na Assemblea d'Okupes de Barcelona. Forma parte, amais, doutras iniciativas, como a campaña contra a Ordenança del Civisme e diversas campañas antirrepresivas.
Usos
Unha parte de Can Vies utilízase como vivenda e outra, como centro social. Nesta celébranse asembleas, festas, obradoiros de teatro, coloquios, mesas redondas, debates, representacións teatrais e actuacións musicais, presentacións de libros, proxeccións de películas ou documentais ou xantares populares, entre outras actividades. Can Vies é tamén a sede da redacción e a maquetación da revista La Burxa,
O espazo tamén foi o berce da Colla Bastonera de Sants, unha agrupación a prol da cultura popular catalá. Tamén participan ou participaron moitos colectivos, como a Assemblea de Joves de Sants, o colectivo anarcoindependentista Negres Tempestes ou o Colèctiu de Cinema. Entre os grupos musicais nados neste espazo están Pirat's Sound Sistema.
Can Vies fora un símbolo gañado ao PP, gañado a Aznar, gañado a García-Valdecasas. Foi un centro cívico. Por el pasaron miles e miles de mozos que hoxe están a traballar.
O Concello de Barcelona ditou unha orde de desafiuzamento que as entidades de Can Vies intentaran anular sen éxito.[4] O 26 de maio de 2014, xusto o día seguinte das eleccións ao Parlamento Europeo, houbo unha ampla despregadura dos Mossos d'Esquadra. Despois de seis horas de resistencia, executouse a orde de desaloxo do edificio. Ese mesmo día, o edificio foi demolido.
Estes acontecementos provocaron unha forte reacción veciñal e varias accións violentas, como a queima da escavadora empregada para derrubar o edificio. Varias manifestacións remataron coa queima de colectores.[5] A forte resposta policial tivo como consecuencia a solidariedade doutros barrios de Barcelona e arredores. O 28 de maio houbo concentracións de protesta en varias cidades do Estado,[6] o que se coñeceu como efecto Can Vies.[7][8][9][10][11]
Reconstrución e continuidade
O 31 de maio de 2014, o Concello de Barcelona anunciou que a demolición do edificio ficaba paralizada.[12] A asemblea decidiu volver okupar o espazo e restauralo.[13] Para esta reconstrución lanzaron unha campaña de micromecenado[14] que superou as expectativas da organización.[15] Como resultado, refundouse a asemblea cos obxectivos de reconstruír o edificio e reiniciar as actividades do centro social.
A asemblea semanal está integrada na actualidade polos colectivos La Burxa, la Trama Feminista, Negres Tempestes, a Comissió Antirepressiva de Sants, Acció Llibertària de Sants, Niu d'agulles (obradoiro de costura), a Universitat Lliure de Sants ou os Músics Can Vies, entre outros.[16]
Debate político institucional
A continuidade do proxecto alén do intento de desafiuzamento de maio de 2014 provocou un intenso debate político na cidade. O Concello chegou mesmo a celebrar un pleno extraordinario dedicado a dita cuestión.[17]
O tema prolongouse até as eleccións municipais de Barcelona de 2015. O CSA Can Vies foi un dos principais eixes de debate, tanto na xestión do intento de desafiuzamento como na súa continuidade. O debate institucional foi reintroducido nas eleccións municipais de Barcelona de 2019, pois algúns partidos políticos reabriron o tema.[18]