Camilo Bargiela Pando, nado en Tui o 25 de decembro de 1864 e finado en Casablanca (Marrocos) o 2 de xullo de 1910[1], foi un xornalista, escritor e diplomático galego.
Traxectoria
Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou colaborando nas publicacións de Tui La Novedad (1890), Tuy Humorístico (1898) e La Opinión, no que empezou a publicar por entregas a novela Los pavos reales, que escribiu en Casablanca e que non chegou a rematar. Fixo a carreira diplomática, e foi cónsul de España en Manila, Hong Kong e Casablanca.
Pertenceu á xeración do 98 e frecuentou os principais faladoiros literarios de Madrid. Xunto con Pío Baroja, Ricardo Baroja, Ignacio Alberti, José Fluixá, Jesús Fluixá, Antonio Gil e José Martínez Ruíz, asinou o manifesto da homenaxe a Mariano José de Larra o 13 de febreiro de 1901. Colaborou na revista Café con Gotas na que apareceron os seus artigos "¡Oh el amor!", "¿Tengo razón?" e "Improvisación". Publicou traballos sobre Henrik Ibsen, Hauptman, Gabriele D'Annunzio e Suderman, traducións de Lev Tolstoi, Maurice Maeterlinck, Maxim Gorki e Henryk Sienkiewicz e varios artigos filosóficos e poéticos en xornais e revistas de Madrid como Revista Nueva, La Vida Literaria e Arte Joven. Tamén escribiu para o xornal barcelonés Las Noticias.
Bargiela e Enrique Labarta Pose foron os modelos que Alejandro Pérez Lugín empregou para crear o personaxe de Casimiro Barcala na novela La Casa de la Troya (1915).[2][3]
Obras
- Luciérnagas (Madrid, 1900), libro dividido en dúas partes, a primeira contén relatos de temática e estilo modernista e a segunda inclúe un ensaio sobre a literatura do seu tempo e a herdanza da xeración precedente, titulado "Modernistas y anticuados".
- La boquilla de Ambar, conto dramático nun acto.
- El juglar, comedia de Teodoro de Baurille, que traduciu e adaptou ao teatro español, coa colaboración de Ramón de Godoy.
Notas
- ↑ La Correspondencia de España, 3-7-1910, p. 6.
- ↑ "A novela" Museo Casa da Troya. Concello, USC, Deputación, Xunta etc.
- ↑ Membiela Salgado, Lucindo-Javier; Membiela Pollán, Matías (30 de setembro de 2013). "Camilo Bargiela". La casa de la Troya (en castelán). Camiño do Faro.
Véxase tamén
Bibliografía