Cabreira, Salvaterra de MiñoPara outras páxinas con títulos homónimos véxase: Cabreira.
San Miguel de Cabreira é unha parroquia que se localiza no concello de Salvaterra de Miño. Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 433 habitantes (213 homes e 220 mulleres), o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 478 habitantes. XeografíaA parroquia de Cabreira localízase no oeste do concello, sendo atravesada polo río Caselas. Presenta as pequenas elevacións dos montes Curros (144 m) e do Viso (142 m). Preto dos lindes da parroquia atopamos o río Tea e a súa desembocadura no Miño, sendo a ponte que salva este río, a ponte da Fillaboa, historicamente fundamental para as comunicacións de Cabreira.[3] HistoriaTense constancia de distintas variantes do topónimo utilizadas no pasado, como Cabral ou Capraria. Aparece xa en documentos do século XIII nomeada como Cabreyra, como no contrato de foro de 1297 no que o mosteiro de Oia compra unha peza de viña no “aral de Cabreyra”.[3] Na Idade Moderna contamos coas valiosas fontes do Catastro de Ensenada, que describe a realidade socioeconómica da parroquia en 1752 e a do Censo de Floridablanca, de 1789. O Catastro de Ensenada sinala que o señor xurisdicional de Cabreira era o conde de Salvaterra e os preceptores do décimo o cura de Cabreira e o arcediano da Catedral de Tui. Fronte aos 365 que describiría décadas despois o Censo de Floridablanca, o Catastro de Ensenada describe unha poboación de 346 habitantes, destacando nas ocupacións dos seus poboadores a existencia dun cirurxián sangrador na parroquia, así como a dun ferreiro, tres carpinteiros ou dous xastres. Mentres tanto, a agricultura era sen dúbida a máis importante actividade económica da parroquia e da zona. Segundo este documento, en Cabreira destacaba un amplo uso dos terreos de secaño respecto ao resto de parroquias do concello, igualando estes en superficie aos de regadío. Ademais, cabe nomear que a parroquia contaba cunha devesa real, tres muíños e dúas tabernas.[4][3] Xa na Idade Contemporánea, a parroquia aparece descrita no “Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar”. Cualifícase como de pintoresca localización, pola súa proximidade ao inmediato reino de Portugal e ás súas vilas. Esboza terreos fértiles nos que se crían carballos e castiñeiros, nos que existen moitos e saborosos pastos ademais de fontes de exquisitas augas. Menciona os tres muíños de fariña así como unha produción agrícola variada, acompañada da crianza gandeira, da caza e da pesca.[5] PatrimonioConxunto da Igrexa de San MiguelIgrexa en forma de cruz latina cunha soa nave máis dúas capelas laterais. Foi construída no 1710 segundo indica a epígrafe gravada na parte posterior da igrexa, que di: “HESTE CORO MANDO HACER DON TOMAS SALGADO AÑO DE 1710”. Sobre esta inscrición atopamos un escudo ben labrado e conservado da familia dos Salgado, que inclúe a máxima “SALGA POR DONDE SALIERE”.[6] Consérvanse catro retablos, un na capela do Carme, outro na capela da Inmaculada, un retablo sen altar dedicado á Virxe das Angustias e Ánimas e o retablo maior adicado a San Miguel. Caracterízase dun marcado sentido horizontal, cunha fornela central ocupada polo Crucificado, a Virxe e San Xosé e cun ático presidido polo patrón San Miguel, acompañado nos laterais por San Sebastián e Santa Lucía.[7] Está rematado co escudo de armas dos Salgado, o que, xunto co escudo da fachada posterior, serve para manexar a moi probábel posibilidade de que o clérigo e fidalgo Tomás Salgado fora o patrono da construción.[8] Por similitudes estilísticas e coincidencia histórica, pénsanse que o escultor encargado da obra podería ser o artesán de Fornelos Domingo Rodríguez de Pazos.[9] Cruceiro das ArrasNun cruzamento de camiños do lugar das Arras levántase o terceiro cruceiro da parroquia, cunha columna octogonal que amosa na parte máis baixa un corazón cos tres cravos e máis alto a Santo Antonio co meniño Xesús. Sobre o capitel érguese por diante un Cristo crucificado con detalles no pano e nas mans e por detrás a Virxe María de pé coas mans no peito.[6] Conxunto de San RoqueO Plan Básico Autonómico inventaría varios bens patrimoniais dentro deste conxunto de San Roque. Estes elementos serían a Capela, o Palco da Música e o Cruceiro e Peto de Ánimas de San Roque. Cruz do Campo da MisiónNas Leiriñas, no barrio da Devesa, áchase esta cruz baixa na beira da estrada secundaria que conecta Cabreira con Alxén, no medio dun bosque de piñeiros. Trátase dun altar de pedra sobre o que un círculo serve á súa vez de alicerce para unha cruz pequena. Neste círculo está inscrito “CAMPO DE LA MISIÓN JUNIO DE 1901”, xa que conmemora a Santa Misión levada a cabo polos xesuítas neste ano. En concreto os sacerdotes convocantes foron Rafael Vicente e o salmantino Ignacio Santos, ambos con ampla experiencia en misións populares. Tense constancia da existencia dun cruceiro neste Campo da Misión, que foi destruído ou espoliado. Neste existía unha inscrición que rezaba “AQUÍ SE CELEBRARON 18 MISAS COMULGARON 14.000 ASISTIERON 13 PARROQUIAS". Isto da unha imaxe da grande importancia que tiñan estes acontecementos no momento, que buscaban lugares amplos onde puideran reunirse grandes cantidades de persoas, elixindo ademais lugares estratéxicos como é este, que funciona como encrucillada dos concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, así como das parroquias de Arantei, Entenza e Alxén. Arquitectura civilDestaca na parroquia o Pazo da Gaviñeira, edificio con planta en U situado no lugar da Pousa, cunha das ás rematada por unha torre cadrada e a outra dotada dunha galería con arcos ao longo da fachada. Na porta pode verse a inscrito "MÁNDOA FACER D. XACINTO VALENZUELA EN 18 "... ".[14] CulturaAínda que o patrón da parroquia é San Miguel, a festa maior celébrase o 16 de agosto na honra de San Roque. Nos días previos realízase unha novena en devoción ao santo e o 15 faise unha tirada de fogos anunciando a festa. O día 16 celébranse varias misas na capela dedicada a este santo, unha delas solemne, seguida dunha procesión ao redor do templo, que é acompañada por pasacalles dunha banda de música con posterior concerto desta no campo da festa, coñecido como “O Río”. Aquí adoitan celebrarse verbenas con orquestras galegas tanto o día do santo, como o día seguinte, coñecido como “Festa do Can”, en referencia ao can que acompaña a San Roque na súa iconografía.[17][18] Están descritas as características desta festa no pasado, a través da publicación dun anuncio do programa destas no xornal olívico Faro de Vigo, que o 12 de agosto de 1890 xa anunciaba a “tirada de bombas y gran repique de campanas” na véspera da festividade así como a actuación das bandas de Ponteareas e Paramos. Tamén se documentan tradicións xa perdidas como a actuación de “cabezudos acompañados por gaitas del país” ou a “elevación de gran porción de globos de caprichosas formas y voladores, quemándose al último dos bonitos castillos y una serpentina, no faltando los conocidos fuegos de silbato.”[19] Nestas datas tamén se teñen celebrado varias edicións do Festival San Rock’iño, [20] organizado pola Asociación Veciñal Xerme, entidade que dende a súa fundación en 1976 ven programando diversas actividades culturais como teatro, música ou baile tradicional galego na parroquia. [21] A asociación tamén xestiona o Centro Cultural Xerme, situado no barrio do Río, que serve como sede para os distintos cursos que esta promove. Anualmente dende o 2015, coa excepción do 2021, celébrase neste centro o festival poético-musical Entreverbas, organizado por Xanela Iniciativa Cultural, que ten reunido na parroquia a poetas como Olga Novo, Antón Reixa ou Luz Fandiño e a músicas como Su Garrido Pombo, Xabier Díaz ou Anxo Pintos.[22][23] Galería de imaxes
Lugares e parroquiasLugares de Cabreira
Parroquias de Salvaterra de MiñoNotas
Véxase taménOutros artigosLigazóns externas
Information related to Cabreira, Salvaterra de Miño |