Este artigo amosa letras xeorxianas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Batumi (en xeorxiano: ბათუმი, tamén coñecido como Batum) é unha cidade costeira e capital da República Autónoma de Axaria, no sur de Xeorxia. Cunha poboación de 152 839 habitantes (2014), é a terceira cidade máis grande e unha das cidades portuarias e comerciais máis importantes de Xeorxia. Está situada nunha zona subtropical, rica en agricultura, cultivos de froitas cítricas e té. Mentres que as principais industrias da cidade son a construción naval, procesamento de alimentos e electricidade, a maioría da súa economía xira en torno ao turismo.
Historia
Historia pre-rusa
Batumi atópase no lugar da antiga colonia grega da Cólquida, chamada Bathus ou Bathis - que deriva da expresión grega bathus limen ou limin bathis, topónimo que significa porto de profundidade ou porto de augas profundas.
Batumi, como Xeorxia, estivo historicamente nas marxes de grandes imperios (persas, romanos, bizantinos, árabes, mongois, turcos e rusos), tamén vinculada ao reino armenio, e viviu como parte dun Estado unificado so unha fracción da súa existencia como nación.
Os turcos otománs a ocuparon por primeira vez durante a rexencia de Kakhaber II Vardanize de Guria (1469-1483), pero as súas forzas non se radicaron. En 1536 a conquistaron os otománs por segunda vez. Rustam Gurieli (1534-1564) recuperouna en 1564, pero os otománs regresaron pouco despois.
En 1877 tiña 5,000 habitantes e un activo porto comercial de escravos.
Imperio Ruso e URSS
En 1878, Batumi foi anexada polo Imperio ruso, de acordo co Tratado de San Stefano, entre o Imperio ruso e o Imperio Otomán (ratificado o 23 de marzo). Pola contra, de acordo cun secreto Convenio anglo-otomán de Chipre, os británicos ían a ser autorizados a ocupar Chipre. Dende 1878 e ata 1991, ano da independencia de Xeorxia, Batumi estivo o dominio ruso e soviético.
Con posterioridade, a cidade foi declarada porto libre ata 1886. Funcionou como un centro dun distrito militar especial ata que foi incorporada no Goberno de Kutaisi o 12 de xuño de 1883. Finalmente, o 1 de xuño de 1903, co Okrug de Artvin, estableceuse como a Rexión (óblast) de Batumi, baixo o control directo do Goberno Xeral de Xeorxia.