Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
A ataxia (do gregoα- [prefixo negativo] + -τάξις [orde]) é un síntomaneurolóxico que consiste na perda da coordinación dos movementos dos músculos voluntarios.. É unha manifestación clínica inespecífica,que implica disfunción nalgunha parte do sistema nervioso que coordina os movementos, como pode ser o cerebelo.[1] Os síntomas e signos máis comúns de ataxia atinxen dende alteración da marcha, disartria (fala imprecisa e pouco esclarecedora, ás veces de difícil comprensión), visión borrosa, e tremor que aparece co movemento. Estes síntomas poden deberse a unha afectación do cerebelo, das súas vías aferentes e eferentes, do sistema vestibular ou das vías propioceptivas.
As ataxias poden ter unha orixe xenética ou ser adquiridas.[2]
O termo distaxia emprégase tamén como sinónimo, aínda que raramente.
O termo ataxia cerebelosa emprégase para denominar ás ataxias por mor dun dano ou disfunción no cerebelo (vermis e máis hemisferios cerebelosos). O cerebelo é o responsábel da integración dunha gran parte de información que provén do noso corpo, coordinando os movementos e participando na función motora. Malia que a ataxia non está presente en todas as lesións cerebelosas, moitas doenzas que afectan ao cerebelo poden producir ataxia. As persoas con ataxia poden ter problemas para regular a forza, dirección, velocidade e ritmo das contraccións musculares. Isto da como resultado unha característica descoordinación que se pode manifestar de diferentes xeitos, coma astenia, asinerxia ou discronometría.[3] Moitas ataxias tamén son quen de producir disartria, disfaxia, hipotonía e dismetría. Estes déficits dependen da parte do cerebelo que fique afecta, e pode ser unilateral ou até mesmo bilateral.
Os doentes con ataxia cerebelosa adoitan comezar cun cadro de perda do equilibrio. Se a disfunción progresa, a marcha da persoa caracterízase por unha separación dos pés, coa fin de obter unha maior base de sustentación.
Disfunción vestíbulo-cerebelosa: hai unha afectación das vías vestibulares e máis do cerebelo. Preséntase con inestabilidade postural, e os pacientes tenden a separar os pés para gañaren mais base de sustentación. A inestabilidade empeora cando o paciente pecha os ollos, isto é, presenta un test de Romberg negativo.
Disfunción espiño-cerebelosa: hai unha afectación da medula espiñal e máis do cerebelo. Caracterízase por unha marcha chamada andar do bébedo (do inglés, drunken sailor gait). O paciente ten un andar truncado, con pausas habituais, desviacións laterais e pasos desiguais, e cun aumento da base de sustentación.
Disfunción cerebro-cerebelosa: afecta ao cerebro e máis o cerebelo, e presenta dificultade para exercer os movementos voluntarios, debido a unha falta de coordinación na súa execución.
O termo ataxia sensitiva emprégase para referirse á ataxia por mor da perda da propiocepción, a perda da sensibilidade á posición das articulacións e das partes do corpo. Polo xeral, este tipo de ataxias son debidas a unha disfunción da columna dorsal da medula espiñal, xa que é esta quen leva a información propioceptiva ao cerebro.
Hai numerosas causas que poden provocar ataxia. De feito, case que calquera entidade que poida afectar ao cerebelo, o sistema vestibular ou as vías propioceptivas, é subsidiaria de causar ataxia. A radiación ionizante, o abuso de etanol, a déficit de vitamina B12 ou as cerebelites son algúns dos causantes de ataxia.
A enfermidade ou doenza de Wilson é unha doenza autosómica recesiva na que hai unha alteración do xene ATP7B, situado no cromosoma 13, que impide a correcta liberación de cobre do organismo, acumulándose no corpo.[4] Entre as manifestacións neurolóxicas que pode producir a doenza de Wilson destacan, ademais da ataxia, os espasmos musculares, atetose, convulsións e atraso mental.[5]
Tratamento
O máis importante en canto o tratamento das ataxias é a correcta identificación das causas desta, que determinarán se a ataxia é ou non tratábel. Así, a base do tratamento será solucionar a doenza causante. Por exemplo, se for un tumor, o tratamento sería a extirpación deste, ou ben outros tratamentos de quimioterapia ou radioterapia.
As posíbeis complicacións poden tratarse tamén mediante ortopedia.
↑Harrison Principios de Medicina Interna 16a edición (2006). Ataxias
↑Schmahmann JD (2004). "Disorders of the cerebellum: ataxia, dysmetria of thought, and the cerebellar cognitive affective syndrome". J Neuropsychiatry Clin Neurosci 16 (3): 367–78.
↑Walshe JM. Clarke CE, Nicholl DJ, ed. "Wilson’s Disease"(PDF). Birmingham Movement Disorders Coursebook. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 10 de setembro de 2011. Consultado o 24 de febreiro de 2013.