Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
The Witches.
As bruxas é unha novela infantil do escritor galés Roald Dahl, publicada en 1983 co título orixinal de The Witches, ilustrada por Quentin Blake.
Foi traducida ao galego por Xela Arias e Lidia Iglesias Izquierdo e publicada na Colección Xabarín de Edicións Xerais de Galicia en 1989.
Sinopse
O protagonista é un neno inglés, que trala morte de seus pais vaia a Noruega xunto a súa avoa. Ela fálalle das bruxas, seres malvados e ben organizados nos diferentes países do mundo co único propósito de facer desaparecer os nenos e nenas, aos que aborrecen. De todas as bruxas do mundo, a máis perigosa é a Gran Bruxa. Despois, a avoa explícalle como recoñecer a unha bruxa para ter coidado con elas: en vez de uñas teñen gadoupas; non teñen pelo natural, senón perruca; teñen os buratos do nariz grandes, para detectar o cheiro a neno ou nena; a pupila múdalles de cor; nos pés non teñen dedos; e teñen o cuspe azul.
O neno ten o seu primeiro encontro cunha bruxa xogando nunha cabana nunha árbore. Unha señora chama por el e ofrécelle unha serpe, pero o neno decátase e sobe árbore arriba.
Logo de que enferme a avoa, que fuma caxatos, marchan a Inglaterra para descansar. No hotel, o neno decátase de que se está a levar a cabo a Convención Anual das Bruxas de Inglaterra, disfrazadas como damas da Real Sociedade para a Prevención da Crueldade cos Nenos. Escondido para que non o descubran as 85 bruxas presentes, escoita atento as novidades e decisións tomadas: A Gran Bruxa preséntalles a Fórmula 86: Facedor de Ratos de Acción Retardada, coa que as bruxas deben converter os nenos en ratos. O neno é descuberto, e antes de lograr escapar, é convertido en rato.
Xa transfigurado chega á habitación da avoa, e cóntalle o que sucedeu. Entre os dous deciden rematar coas bruxas. Rouban un frasco da beberaxe e bótano no caldo que han comer. De súpeto, no comedor as bruxas convértense en ratos, e os camareiros acaban con elas.
Xa de volta en Noruega, o neno é consciente de que non ha vivir máis alá de dez anos, pero non lle dá mágoa, porque só quere ser coidado pola súa avoa, que xa ten oitenta e seis anos. Pero axiña se poñen a pensar noutro plan para rematar coas bruxas. Investigando, e a través da policía de Londres, a avoa descobre que o refuxio da Gran Bruxa era un castelo de Noruega, e deciden ir alá cuns gatos e frascos coa fórmula para remataren coas bruxas.
Narración
Personaxes
- O neno, un rapaz inglés de sete anos, convertido en rato.
- A avoa, unha señora norueguesa de oitenta e seis anos, que leva toda a vida estudando as bruxas.
- A Gran Bruxa, unha muller norueguesa moi vella e moi mala cos nenos e nenas.
- Bruno, outro neno convertido en rato.
Adaptacións
O libro foi levado ao cinema, nun filme de 1990 dirixido por Nicolas Roeg, con Anjelica Huston e Rowan Atkinson nos papeis principais. No filme, o neno é chamado Lucas (Luke) Eveshim, a avoa é Helga Eveshim e a Gran Bruxa é Evangeline Ernst.
Véxase tamén
Bibliografía