Applications Technology Satellite 4 ou ATS 4 foi un satélite artificial dos Estados Unidos adicado a probar novas tecnoloxías e lanzado o 10 de agosto de 1968 mediante un foguete Atlas SLV-3 desde o Centro Espacial Kennedy, en Florida, Estados Unidos.
Características
ATS-4 probou diferentes tecnoloxías:[2]
- Probou novos conceptos en deseño de satélites, propulsión e estabilización.
- Tomou imaxes de alta calidade da cuberta nubosa e enviou datos meteorolóxicos procesados a través doutro satélite.
- Proporcionou medidas in situ do contorno aeroespacial.
- Probou sistemas de comunicación mellorados.
O satélite tiña forma de cilindro de 1,42 metros de diámetro e 1,83 metros de altura. A enerxía eléctrica proporcionábaan dous paneis solares que alimentaban un par de baterías recargables de níquel-cadmio. O satélite dispoñía de catro pértegas extensibles que podían alongarse ata os 28,2 metros de lonxitude para proporcionar estabilización por gradente gravitatorio.[2]
O sistema de telemetría consistía en catro transmisores de 2,1 vatios de potencia, dous transmitindo en 136,47 MHz e os outros dous en 137,35 MHz, ademais dun experimento de comunicación por microondas.
O satélite levaba a bordo dous motores de ións de cesio para medir o seu pulo e a compatibilidade electromagnética con outros subsistemas da nave. Os propulsores medían 5 cm de diámetro e foron deseñados para funcionar a 0,02 kW de potencia, proporcionando 89 mN de forza cun impulso específico de 6700 segundos. A voltaxe de entrada no motor era de 3000 voltios e a cantidade de propelente a bordo era de 0,05 kg. En probas previas en terra o récord de funcionamento era de 2245 horas. No ATS-4 o motor funcionou só 10 horas debido á finalización prematura do experimento pola posta en órbita incorrecta do satélite. O experimento cos motores iónicos supuxo a primeira proba orbital deste tipo.[2][5][7]
Durante o lanzamento a segunda etapa do foguete non chegou a encenderse, deixando o satélite nunha órbita de aparcadoiro que acabou por facer que o satélite reentrara na atmosfera o 17 de outubro de 1968. Con todo, obtivéronse datos útiles dalgúns dos instrumentos.[2]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "ATS 4" (en inglés). Consultado o 25 de xullo de 2011.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 NASA (8 de xullo de 2011). "ATS 4" (en inglés). Consultado o 25 de xullo de 2011.
- ↑ "Information Furnished in Conformity with General Assembly Resolution 1721 B (XVI) by States Launching Objects into Orbit or Beyond" (PDF). COMMITTEE ON THE PEACEFUL USES OF OUTER SPACE (68-25206): 2. 12 de novembro de 1968. Consultado o 12 de xullo de 2018.
- ↑ Claude Lafleur (2018). "ATS 4" (en inglés). Consultado o 12 de xullo de 2018.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "ATS 2, 4, 5" (en inglés). Consultado o 25 de xullo de 2011.
- ↑ Mark Wade (2018). "ATS-4" (en inglés). Consultado o 12 de xullo de 2018.
- ↑ Mark Wade (2011). "ATS 5 cm" (en inglés). Consultado o 24 de abril de 2012.
Véxase tamén
Outros artigos